A Deputación de Ourense pon en marcha o I Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes

Montserrat Lama
A Deputación de Ourense pon en marcha o I Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes

A deputada provincial de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, presentou esta semana no Pazo Provincial, o I Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2017-2021 da Deputación Provincial de Ourense, aprobado na Sesión Plenaria correspondente ao pasado mes de setembro. O Plan contempla medidas para alcanzar a igualdade total entre mulleres e homes en todos os ámbitos, así como eliminar a discriminación por razón de sexo. \“Esta iniciativa tamén representa o compromiso da Deputación de Ourense coa igualdade para cos seus traballadores e contou cunha alta participación de todas as áreas da institución para o desenvolvemento e execución do Plan de forma coordinada\”, sinalou Montserrat Lama.

A Comisión de Igualdade, creada no mes de marzo de 2017 e que está integrada por representantes políticos, sindicais e traballadores da institución, encargarase de deliberar, aprobar e aplicar novas iniciativas, avaliar semestralmente a xestión do Plan, coordinar e comprobar o cumprimento dos obxectivos e atender consultas así como reclamacións dos traballadores da Deputación.

O desenvolvemento do Plan estrutúrase entorno a catro bloques. O primeiro deles está dedicado á estratexia e á organización interna, para a posta en marcha do Plan e fomentar a formación en materia de igualdade \“a cal comezará a impartirse no primeiro trimestre do vindeiro ano para os traballadores da administración\”, sinalou a deputada provincial. O segundo bloque é o de participación equilibrada entre mulleres e homes dentro do cal se inclúe a participación en igualdade en tódolos procesos da organización, tanto en tribunais e órganos de contratación como en mesas de negociación e órganos de representación sindical.

O terceiro apartado está centrado nos tempos de traballo que contempla iniciativas a prol da conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Neste sentido, Montserrat Lama destacou que desde a aprobación do Plan o pasado mes, \“presentáronse catro solicitudes de conciliación que xa foron aprobadas pola Comisión de Igualdade\”. O cuarto apartado está dedicado á seguridade e saúde no traballo para garantir a protección integral de mulleres traballadoras da institución que poidan ser vítimas de violencia de xénero, así como velar pola saúde das mulleres embarazadas ou no período de lactancia.

O período de vixencia do Plan será de catro anos (2017-2021) cun seguimento semestral a cargo da Comisión de Igualdade, \“que realizará informes cada seis meses para adoptar as medidas necesarias en función do que os mesmos revelen. Ademais haberá unha avaliación continúa do desenvolvemento do Plan que terá en conta as propostas ou solicitudes que realicen os traballadores da institución\”, puntualizou a deputada provincial. O I Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da Deputación de Ourense pódese descargar a través da web da institución.