sábado 27/11/21

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu hoxe a reunión do Centro de Coordinación (CECOR) da provincia de Ourense establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria e ao estado de alarma.

Na xuntanza deuse conta do levantamento das restricións especiais nos concellos de Verín, Amoeiro e Coles que entrarán en vigor a partir desta medianoite, como xa aconteceu co concello de O Carballiño o pasado 21 de novembro. Así, púxose de manifesto a efectividade dos dispositivos de control levados a cabo polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, pola Unidade do CNP Adscrita á Comunidade Autónoma e polos corpos de Policía Local dos concellos de Ourense, Barbadás, Xinzo de Limia, Ribadavia, O Carballiño e Verín dende a entrada en vigor das medidas restritivas da mobilidade para colaborar no descenso do índice de contaxios detectados na provincia.

Así mesmo e tras constatar un repunte das infraccións con respecto á anterior semana, dende o Centro de Coordinación lembrouse que as entradas e saídas dos ámbitos territoriais con restricións da mobilidade deberán realizarse de acordo coas excepcións contempladas na normativa ditada pola Xunta de Galicia adecuadamente xustificadas.

Igualmente, lembrouse a limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno, que no caso de Galicia se mantén entre as 23:00 e as 06:00 horas, horario no que unicamente se poderá circular pola vías ou espazos de uso público para a realización das actividades previstas no Real Decreto 926/2020.

O subdelegado do Goberno sinalou o “cumprimento por parte da maioría da poboación” das medidas vixentes e agradeceu “a súa comprensión e responsabilidade”, incidindo na importancia de “non relaxar as normas establecidas para conter o virus da COVID-19 e seguir contribuíndo entre todos e todas ao descenso dos casos positivos”.