Enquisa a case 100.000 galegos que superaron a covid-19

Feijóo 3
Enquisa a case 100.000 galegos que superaron a covid-19

O Sergas remitirá aos case 100.000 galegos que superaron a covid-19 hai máis de tres meses un cuestionario sobre as súas secuelas para detectar casos de covid persistente

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta, que o Sergas comezará a remitir aos case 100.000 galegos que superaron a covid-19 hai máis de tres meses un cuestionario sobre as súas secuelas para detectar casos de covid persistente.

Tras explicar que “son persoas que superaron a enfermidade, pero que seguen tendo algún síntoma ou algunha secuela como dificultade para respirar, perda de olfato, falta de forzas, febre, mareos, perda de peso, perda de cabelo, cambios na voz, trastornos de sono, situacións de ansiedade ou falta de ánimo”, o presidente da Xunta destacou que, unha vez que respondan esa enquisa, “os citaremos en Atención Primaria para coñecer exactamente a intensidade da secuela do covid persistente”.

“Avanzamos, polo tanto, na atención de todos os pacientes que pasaron a covid-19 para intentar mellorar a súa asistencia sanitaria, monitorizar o seu estado de saúde e coñecer mellor esa enfermidade e as súas consecuencias”, aseverou Feijóo.