Un esforzo titánico, máis moitas ganas, igual a un reencontro inesquecible 33 anos despois

Cena 6
Un esforzo titánico, máis moitas ganas, igual a un reencontro inesquecible 33 anos despois
Os alumnos que inauguraran o Instituto de Xinzo no 1981 conseguiron reunirse nunha cea moi emotiva MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO maria@dendealimia.com Twitter: @MariaFdezRomero Necesitaron pegatinas...

Os alumnos que inauguraran o Instituto de Xinzo no 1981 conseguiron reunirse nunha cea moi emotiva

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Twitter: @MariaFdezRomero

Necesitaron pegatinas identificativas, e aínda así non era tarefa fácil. Pero é que en trinta e tres anos, a vida da moitas voltas e as cousas cambian moito. Hai tres décadas, os 90 homes e mulleres que se deron cita a pasada fin de semana en Xinzo, eran uns adolescentes que inauguraban o Instituto de Bacharelato da vila. Moitos non se viran desde aquela. Póñanse no caso.

É fácil imaxinalos nerviosos e emocionados antes de atoparse unha vez máis, cos que foran compañeiros de aulas. Bastantes perderan a pista uns dos outros, pero é certo que a súa ilusión por reencontrarse valeu máis que distancia e o tempo. Todo xurdiu da teima dos tres organizadores, que levaron a cabo unha tarefa de dimensións titánicas para conseguir, primeiro comunicarse con todos os compañeiros de promoción, e despois intentar xuntalos a todos nunha data concreta, o seu día D, o 29 de marzo de 2014.  Os artífices da milagre foron Manu Cerredelo, Juan Carlos Nóvoa e Suso Carrera. Recoñecen que desistiran xa nun par de ocasións de acometer esta ardua tarefa, que finalmente lles levou máis de tres meses de traballo, e máis de medio millar de chamadas de teléfono.

O gusaniño viñéralles picar hai seis ou sete anos, contounos Manu Cerredelo. Pero este 2014 foi o punto de inflexión e tras reunirse os tres no Nadal, pois Suso tivo que cambiar hai tempo Xinzo por Betanzos, decidiron poñerse mans á obra. “Comezamos con forza e iniciamos unha investigación ao máis puro estilo dos anos 70”, contaba Manu ao recordar o pasado decembro. “Con traballo, moitas horas e moita ilusión conseguimos que o proxecto fose collendo forma”, asegurounos, pero e empresa que iniciaban non era fácil. É certo que tamén quixeron ser ambiciosos e uniron á lista a aqueles que por unha circunstancia ou outra, se non foran con eles á escola desde o principio, si o fixeran nalgún dos anos que esta promoción estivo cursando bacharelato, entre 1981 e 1985. Con este panorama, o primeiro reto era saber exactamente cantos e quen eran todos estes compañeiros e compañeiras de estudos. Soubérono grazas á colaboración dun dos docentes do centro que lles facilitou as listas oficiais, e saíu a nada modesta cantidade de 131 persoas. “Pero para”, pensaron estes intrépidos limiaos, agora vai ti saber onde está toda esta xente. Pois a meirande parte “na diáspora”: Ourense, Vigo, Ferrol, Coruña, Santiago, Salamanca, Barcelona, Madrid, pero tamén Suíza ou o Canadá. Un reto que lonxe de parecer desalentador non os desanimou. E conseguiron “a base de molestar e ser pesados”, non soamente os contactos de máis de 130 persoas, senón convencer a 90 delas para reunirse en Xinzo para cear, e facer unha recompilación de fotos da época.

E o día do reencontro chegou, “moitos fixeron por vir desde Madrid ou Barcelona”, resaltou Manu Cerredelo, que nos falou desa noite un par de días despois para contarnos que estivo chea de “humor, nostalxia e emocións difíciles de explicar”. Todos os asistentes recibiron cadanseu diploma coma se esta xuntanza supuxese unha segunda graduación. Tamén polo mérito de ter feito o esforzo de volver a verse tantos anos despois. E para Manu, Suso e José Antonio, que traballaran arreo para que a noite fose perfecta, houbo sorpresa. Unha placa de agradecemento de parte de todos os seus compañeiros.

A festa, amenizada en todo momento con música dos anos oitenta, alongouse ata altas horas da madrugada e os máis trouleiros incluso compartiron de boa mañá un chocolate con churros antes de marchar para a casa. E de seguro que toda a noite se lles fixo curta para poñerse ao día, despois de case toda unha vida sen encontrarse.