No campo da batalla da Saínza, a carón do castelo que tomarán os mouros o vindeiro sábado e no que se librará o combate -xa o domingo- no que os cristiáns recuperarán o dominio e a súa Virxe, presentouse este mediodía o programa de festas da que é unha das máis senlleiras celebracións da Limia e, “se mo permitides, da provincia de Ourense e de toda a comunidade coa que se despiden as grandes festas do verán”, en palabras da rexedora local, Asunción Morgade.
A alcaldesa estivo acompañada no acto por Ana Míguez e Julio Domínguez, “dous dos meus máis fieis colaboradores na organización desta romaría e sen os que non teríamos o éxito de público que ano tras ano se acada”, dixo Morgade Rúa.
Tamén estaba o capitán do bando cristián, Breogán Prieto, un dos que parlamenten o vindeiro domingo logo da celebración eucarística no palco do campo da festa antes de iniciar a batalla por todos agardada.

Morgade Rúa destacou que “como xa vén sendo habitual, A Saínza programa un calendario de festexos para todos os públicos e sensibilidades. Teremos actividades para a cativada o venres, pero tamén oficios relixiosos para os devotos da Virxe que os hai e son moitos chegados doutros territorios e, como non, a recreación histórica do combate, o grande reclamo para todos”.