Un festival para todos onde non faltou ninguén

Festival 2
Un festival para todos onde non faltou ninguén
Esta iniciativa da Escola de Saúde Rural da Limia resultou un éxito rotundo de participación MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO maria@dendealimia.com “Buscabamos diversidade, que todos...

Esta iniciativa da Escola de Saúde Rural da Limia resultou un éxito rotundo de participación

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO maria@dendealimia.com

“Buscabamos diversidade, que todos os colectivos estivesen representados”. Ese era segundo Lola Rico, coordinadora da Escola de Saúde Rural da Limia, un dos obxectivos do festival de música, fotografía e pintura que se celebrou o pasado luns na Casa da Cultura de Xinzo. E vaia se o conseguiron, ata dez agrupacións musicais formaron parte do programa de “A mellor terapia... a arte”, desde as gaitas máis tradicionais ata o exotismo da danza do ventre. E o éxito de público non quedou atrás. “Estamos totalmente satisfeitos”, recoñecía Lola tralo evento, “é incrible todo o cariño e tódalas felicitacións que recibimos da xente”.

Todo o mundo quixo colaborar nesta iniciativa que abarcou varias disciplinas artísticas, xa que ademais da música, tamén a pintura e fotografía tiveron cabida. Así, ata once artistas da comarca decidiron doar algunha das súas obras que se sortearon posteriormente destinando os fondos á asociación. Ademais, organizouse unha exposición de fotografía que colga aínda das paredes da Casa de Cultura. Nestas instantáneas móstrase o traballo que a entidade leva desenvolvendo nos seus tres anos de vida. “Porque unha imaxe vale máis que mil palabras, e porque é importante que os veciños saiban onde estamos, cal é a nosa labor e que estamos para axudar”, explicounos Lola.

A principal valedora da Escola de Saúde Rural da Limia asegurou tamén que o triunfo de iniciativas como esta serven para contrarrestar “a incerteza na que estamos instalados desde que comezou a crise económica”, unha situación na que “nunca sabes se vas poder continuar  coa actividade da asociación”. Porén, con moita perseveranza e traballo así coma co apoio de entidades coma o Concello de Xinzo e sobre todo da Escola Galega de Saúde para Cidadáns do Sergas, que programa e financia diversos talleres, o traballo da Escola é posible, porque algo que xa era, é necesario. A pesar de que “cada vez somos máis responsables coa nosa propia saúde”, no rural seguen resultando de vital importancia un organismo coma este que guíe e eduque ao paciente.