Flexibilízanse ao máximo as normas COVID nas residencias de maiores de Galicia

Residencia Sta. Mariña
Flexibilízanse ao máximo as normas COVID nas residencias de maiores de Galicia

Nos centros de día recupéranse as rutas de transporte con normalidade; ademais de decaer outras obrigas como a de cubrir a enquisa epidemiolóxica, cambiar o calzado ou, no caso de profesionais, mudar de roupa en cada saída ao exterior

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a decisión do comité clínico da volta a normalidade nas residencias e centros de día mantendo, precisou, “un extra de precaucións”.

Durante unha visita á residencia pública de maiores Volta do Castro, en Santiago, Feijóo precisou que con esta decisión volve ás residencias e aos centros de día a vida en comunidade, sen quendas nin grupos burbulla. “Os residentes poderán volver comer xuntos ou facer actividades xuntos”, explicou, destacando tamén o levantamento das restricións ás saídas ao exterior, de acordo co regulamento de cada centro.

E flexibilízanse as visitas dos seres queridos, é dicir, seguirán sendo con cita previa, pero permitirase que vaia máis dun familiar á vez, co límite que marquen as posibilidades de organización de cada centro, engadiu, incidindo en que a recomendación é que nas visitas non se xunten máis de dous familiares de cada vez.

Por outra banda, retomaranse tamén as saídas socioculturais das residencias, sempre en compañía do persoal. E, nos centros de día, recupéranse as rutas de transporte aos centros con normalidade; ademais de decaer outras obrigas como a de cubrir a enquisa epidemiolóxica, cambiar o calzado ou, no caso de profesionais, mudar de roupa en cada saída ao exterior.

No tocante ás precaucións, Feijóo afirmou que os usuarios que por calquera causa non estean vacinados deberán manter as medidas preventivas; mantense a obrigatoriedade da máscara para todos os residentes mentres non cambie a normativa actual; e consérvanse todas as recomendacións hixiénico-sanitarias como o lavado frecuente de mans ou a boa ventilación.

Logo de recordar a importancia da inmunización, Feijóo aproveitou a visita para, unha vez máis, recoñecer e agradecer o traballo de toda a comunidade destes centros que, desde o primeiro momento, redobraron esforzos e se adaptaron a uns protocolos moi exixentes, para conter o virus e dando sempre a mellor atención.