INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA DA LIMIA

Museo-etnografico-de-Limia.2.jpg_369272544
INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA DA LIMIA

O vindeiro día 4 de maio será inaugurada a Biblioteca da Limia

O museo da Limia inaugurará o próximo venres, día 4 de maio, ás 7 da tarde, un dos proxectos culturais máis senlleiros que agromou nos últimos anos nas terras limiás. Esta iniciativa ten como obxectivo primordial pór en valor e coñecemento da sociedade a todos e todas os autores e autoras que desenvolven a súa creación no ámbito das humanidades.

Estamos a falar de máis de 50 creadores e creadoras que, dende sempre, fixeron e seguen a facer achegas, no eido da literatura, investigación, ensaio, pintura, escultura, música, audiovisual, fotografía, etc. Amais desta divulgación, no campo das humanidades, a Biblioteca da Limia contará cunha base de datos bibliográfica que alcalce todo aquilo que se publicou ou se publique, relacionado con este territorio.

O ámbito territorial é o das Terras bañadas polo río Limia e polos seus afluentes, dende o seu nacemento ata a raia con Portugal: as comarcas da Limia e da Baixa Limia (Concellos: Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Sarreaus, Sandiás, Trasmiras, Xinzo, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Os Blancos, Baltar, Calvos de Randín, A Porqueira, Muíños, Lobios, Entrimo, Lobeira, Bande).

A materialización deste espazo museográfico, situado dentro do propio Museo da Limia, consiste na exposición ao público das obras publicadas, catálogos expositivos, etc. dos autores e autoras, da súa identificación fotográfica e dun soporte telemático no que se poderán consultar as súas biografías, e tamén dunha ampla bibliografía, que ten vocación de universal, de todo aquilo que se ten publicado e se siga publicando, que garde relación co territorio xeográfico da Biblioteca da Limia.

A día de hoxe xa contamos con máis de 200 volumes doados polos autores e autoras ou polas súas familias e dispomos de máis de 30 biografías elaboradas a partir da información facilitada por eles e elas ou por persoas ou institucións achegadas.

O acto da inauguración, de carácter público e aberto, contará coa presenza do Presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, amais do Presidente de honra e Alcalde de Vilar de Santos, Xan Xosé Jardón Pedras e do Presidente do Padroado do Museo Etnolóxico da Limia, Delfín Caseiro Nogueiras, así como coa Xunta Directiva e Consello Asesor do Museo, e foron convidados ao mesmo os alcaldes e alcaldesas da Limia e da Baixa Limia e o Presidente da Deputación.

Animará o acto, coa interpretación de pezas musicais da súa creación, unha das autoras incluídas na biblioteca: Carmen Penim, nacida en Covas (Os Blancos), fundadora da agrupación musical 2naFronteira, autora do libro-CD dedicado á visibilización e memoria das mulleres: Herdeiras.