Inserción de persoas vulneralbles

Montserrat Lama
Inserción de persoas vulneralbles

Axudas 2018 da Deputación de Ourense

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá o Proxecto “empregOU II”, para a súa presentación á convocatoria 2018 das axudas que concede o Fondo Social Europeo no Programa operativo de emprego, formación e educación (POEFE), destinadas a entidades locais para a inserción de persoas máis vulnerables (AP-POEFE). Na reunión aprobouse solicitar unha axuda de 1.406.059 euros, que representa o 80% do orzamento total elixible do proxecto, que ascende a 1.757.574 euros. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 22 de xuño de 2018.

En materia de deportes, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 48.500 euros para a Federación Galega de Fútbol destinada á Copa Deputación de Fútbol e Fútbol Sala deste ano.

No apartado de Cooperación cos concellos da provincia, aprobouse unha axuda de 6.000 para o concello de Boborás para a celebración do Premio “Antón Losada Diéguez” deste ano. O galardón, que alcanzou a súa 33ª edición, foi entregado o pasado día 9 de xuño na modalidade de investigación e ensaio a Xosé Luis Axeitos, e na modalidade de creación literaria a Xosé Benito Reza. Outra das axudas aprobadas foi para o concello de Cenlle, por importe de 10.000 euros, para os gastos de bombeo en Razamonde. Por último, na xuntanza aprobouse a modificación do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2018, no relativo ao Concello de Vilamartín de Valdeorras, pola cal se incorpora ao plan principal a obra “pavimentación e infraestruturas na Portela”, en substitución da obra “estrada de Portela e praza en Santa Ana”, cun orzamento de 48.000 euros.