A Limia necesita solucións pensadas e realistas e non “parches” millonarios

Mapa da limia
A Limia necesita solucións pensadas e realistas e non “parches” millonarios
A SGHN analiza os últimos acontecementos e noticias nas terras e augas do Limia

Nos últimos días os medios de comunicación fixéronse eco das novas sobre apotenciación do sector agrario na Limia e tamén da postura de diferentes administracións e institucións que se felicitan polas promesas de investimentos millonarios. Máis alá da importancia da noticia, SGHN entende que o realmente trascendente e imprescindible sería facer unha análise rigorosa do alcance das accións incluídas nese plan, os resultados previstos e as consecuencias probables. Neste senso SGHN ven de transmitir as seguintes reflexións aos responsables das distintas administracións mencionados nas anteditas novas:

É moi preocupante que se propoñan accións parciais sobre os recursos hídricos de A Limia sen elaborar un axeitado estudo de avaliación dos mesmos, que dea resposta á complexa situación actual da auga na comarca en aspectos como:

  • valoración realista da dispoñibilidade do recurso para satisfacer as necesidades actuais e futuras, tendo en conta os efectos do cambio climático
  • calidade das augas
  • outras actividades económicas factibles e os requisitos ambientais de aplicación.

Dito estudo debe contemplar a recuperación, aínda parcial, da lagoa de Antela, comprometida polo goberno cental en febreiro deste ano, como elemento esencial para facer fronte á emerxencia climática, para a necesaria regulación dos ciclos hidrolóxicos e para asegurar o futuro do recurso auga na comarca.

A data de hoxe, o reto é facer compatibles as actividades económicas agrogandeiras produtivas coa recuperación ambiental e o mantemento do recurso auga en cantidade e calidade. Por eso SGHN insiste diante das administracións e institucións con competencias, que sexan máis ambiciosas cós obxectivos a acadar cós recursos de todos os cidadáns e pensen na comarca no seu conxunto, sen deixarse deslumbrar por cifras millonarias que só van servir para poñer uns parches acá e acolá sen afrontar de cheo a mellora do estado hidrolóxico actual da Limia.

SGHN sabe por propia experiencia que “Outra Limia é posible” tal e como leva defendendo, argumentando e demostrando desde hai anos.