LIMISI solicita á Xunta que permita abrir os centros ocupacionais para intervencións individuais

limisi
LIMISI solicita á Xunta que permita abrir os centros ocupacionais para intervencións individuais
Mentres Galicia desescala, a discapacidade continúa confinada
O venres pasado a Xunta de Galicia informou nun comunicado que os centros ocupacionais deberían permanecer pechados ata o 1 de setembro. Isto impide a asociacións sen ánimo de lucro coma LIMISI ofrecer aos seus usuarios e usuarias nin sequera intervencións individuais. Mentres todas as galegas e galegos comezaron pouco a pouco o desconfinamento, as persoas con diversidade funcional vense obrigadas a permancer nas súas casas.
limisiMentres Galicia desescala, a discapacidade continúa confinada. Dende que comezou a fase 0, o presidente da Xunta de Galicia vén solicitando ao Goberno central avances e flexibilidade na desescalada no noso país. Non así cos servizos sociais. Centros ocupacionais, centros de día e escolas infantís de Galicia teremos que permanecer pechados ata o 1 de setembro mentres noutras comunidades autónomas si van retomando o seu traballo. Seis meses sen terapias e intervencións son anos de retrocesos nas persoas con discapacidade intelectual ao tempo que as súas familias se lles impide volver as súas vidas normais e poder conciliar. Ademais, o confinamento prolongado pode xerar conflitos e tensións nestas familias. Terrazas e praias ateigadas, mentres se discrimina ás persoas con diversidade funcional. Unha vez máis prima o interese pola economía e non pola saúde de todas e todos.
O rural sempre sae perdendo O maior agravio é que as empresas privadas que ofrecen terapias si están exercendo xa o seu traballo. Na comarca da Limia, LIMISI é o único centro ocupacional e gabinete educativo rehabilitador, isto pon de manifesto que todas as nosas familias estarían obrigadas a facer uns 100 quilómetros ida e volta ata a cidade se quixesen recibir terapias individuais. Unha vez máis, perde a xente das aldeas e perde a xente con menos recursos.
Saúde e benestar sen discriminacións As terapias individuais, con todas as medidas de prevención, seguridade e hixiene non son un risco. Así o entende a Xunta de Galicia ao si permitir aos centros privados ofrecer os seus servizos. LIMISI naceu en Xinzo de Limia no 2002 e dende entón ofrecemos servizos e terapias a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse. Amosamos o descontento de usuarios e das súas familias e seguimos firmes no principio de inclusión e pola igualdade de dereitos de todas as persoas.