Máis de medio cento de persoas participaron nas andainas do proxecto Rutas de Historia en Xinzo

parte_grupo_torre_pena
Máis de medio cento de persoas participaron nas andainas do proxecto Rutas de Historia en Xinzo

A ruta histórica tivo lugar o sábado e estivo guiada por Miguel Losada, da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA)

“Cabaleiros, Xinetes e Monxes Arraianos. Os castelos e os mosteiros que fixeron A Limia”. Este foi o suxerente nome da andaina que este sábado tivo lugar en Xinzo, dentro do proxecto cultural ‘Rutas de Historia”, unha iniciativa de valorización do noso patrimonio e a nosa historia. Nestas andainas organizadas por www.rutasdehistoria.gal participaron máis de medio cento de persoas que chegaron de numerosos puntos de Galicia.

Esta ruta percorreu e analizou escenarios pouco transitados da Idade Media Galega, e da transición á idade moderna (XV-XVIII). Así, visitou o mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras e a Torre da Pena, ademais de pasar por onde antes estaba a Lagoa de Antela, a gran Laga do Beón, a que fora a meirande lagoa peninsular.

Os participantes xantaron despois nun restaurante da zona e boa parte deles pernoctaron estes días en establecementos da comarca, xa que un dos obxectivos da andaina é, tamén, dinamizar turísticamente estas zonas do interior de Galicia. Entre os visitantes houbo xente de Tui, Tomiño, Vigo, Pontevedra, Ferrol, Santiago, Corcubión, Ames, Brión, Verín, Xinzo, Ourense ou A Coruña.

Valorización da historia e do patrimonio

grupo_trandeiras

Precisamente, a recuperación do patrimonio oculto que atesoura Galicia é a base do proxecto Rutas de Historia (www.rutasdehistoria.com) que puxo en marcha a súa segunda xeira de roteiros históricos por toda Galicia para concienciar á sociedade galega da importancia que ten a súa historia e o seu patrimonio. Uns roteiros que queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural e natural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia.

Neste sentido, Rutas de Historia, ten previsto a realización de oito andainas históricas polas catro provincias galegas, delas, cinco na provincia de Lugo. A idea é fixar na poboación que a historia e o patrimonio tamén poden ser riqueza para un país. As rutas previstas abarcan varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea.

Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co soporte de Abanca e da Deputación de Lugo, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Patrimonio dos Ancares, o Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo, o Colado do Vento, a Asociación María Castaña ou o Colectivo Capitán Gosende.

Así, entre os guías destas andainas estarán Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA); Manuel Gago, director de Cultura Galega e investigador; Elixio Vieites, investigador e membro de Patrimonio Galego; Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares; Paula Vázquez Verao, do Colado do Vento ou Xurxo Ayán e Xosé Gago do Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo.

As andainas comezaron o 22 de setembro e rematarán o 10 de novembro de 2018. Teñen unha duración de entre catro e cinco horas e serán realizados durante as mañás do sábado ou do domingo. Os guías explicarán, en varios puntos, os contextos históricos por onde pasan os camiñantes. A maior parte delas serán circulares e as persoas interesadas terán que levar roupa axeitada e comida e bebida para o camiño. Todos os participantes deberán inscribirse, previamente, na páxina web do proxecto ( www.rutasdehistoria.com ou www.rutasdehistoria.gal) cunha antelación de 24 horas.

Podes coñecer todo o contido dos roteiros na web: www.rutasdehistoria.com