Manuel Baltar cualifica a lingua portuguesa como “vehículo transmisor de cultura, pero tamén de grandes oportunidades económicas”

Webminar_Dia_Lusofonia_2
Manuel Baltar cualifica a lingua portuguesa como “vehículo transmisor de cultura, pero tamén de grandes oportunidades económicas”

Galicia e Portugal, dixo nun seminario telemático celebrado hoxe, “son a ponte de conexión da Unión Europea co Atlántico e na Deputación comprendimos, desde o segundo un, que tiñamos que estar aí para facer realidade en Ourense un proxecto único como a Casa da Lusofonía.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cualificou hoxe a lingua portuguesa como “vehículo transmisor de moitísimas inquedanzas culturais, históricas e patrimoniais, pero tamén de grandes oportunidades económicas”. No Día Internacional da Lusofonía, instaurada pola Unesco en 2019, Baltar participou nun seminario telemático organizado pola Associaçao Impulsora da Casa da Lusofonía, que grazas ao convenio asinado coa Deputación terá en Ourense a súa sede, dentro da Rede de Casas que posúe o Ministerio de Asuntos Exteriores.

Webminar_Dia_Lusofonia_1O webminar tamén contou coa participación como relatores do presidente da asociación lusa, Xose Carlos Morell; o secretario xeral da entidade, Daniel Lago; a cónsul honoraria de Brasil en España, María Montalvo; o presidente da entidade rexional Turismo Centro de Portugal, Pedro Machado; e o presidente da Cámara de Comercio de Guiné-Bissau (Brasil), Júlio António Aponto.

Manuel Baltar sinalou que a creación da Casa da Lusofonía en Ourense “é unha grandísima oportunidade para estreitar lazos culturais, pero tamén económicos, cos países de fala portuguesa, a lingua máis utilizada no hemisferio sur”, referíndose así ao idioma oficial de nove países nos continentes europeo, americano e africano, ademais do territorio de Macao na China e ata vinte organizacións internacionais, incluída a Unión Europea.

Galicia e Portugal, dixo, “son a ponte de conexión da Unión Europea co Atlántico e na Deputación comprendimos, desde o segundo un, que tiñamos que estar aí para facer realidade en Ourense un proxecto único como a Casa da Lusofonía, unha empresa colectiva na que estamos chamados a poñer todas as nosas capacidades para traballar nun mundo global”. Neste sentido puxo como exemplo a recente constitución da Rede do Mundo Atlántico, que vén de unir a empresas españolas e portuguesas para mellorar a súa competitividade.

O presidente provincial destacou o importante papel que pode xogar Ourense para afondar nos vínculos de Galicia cos países de fala portuguesa a través da Casa da Lusofonía, sinalando entre outros factores o territorial, “pois somos unha das sete provincias españolas que teñen fronteira con Portugal, pero a que ten máis quilometros -219-, ademais de formar parte da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, do Eixo Atlántico, participar nos foros do mundo local como a FEMP e a Fundación Democracia e Goberno Local, e a nivel internacional presidir a Asociación Europea de Provincias, Partenalia, e a Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa, nunha provincia co maior potencial termal do continente”, engadindo “o mundo de oportunidades que se abren coa próxima chegada a Galicia, a través de Ourense, do tren de alta velocidade”.