Menos de 24 para as II Olimpiadas rurais

II Olimpiadas rurais
Menos de 24 para as II Olimpiadas rurais
Record de equipos participantes. Houbo que pechar a inscrición

As II Olimpiadas Rurais Interpobos da Limia seguen medrando cuantitativa pero sobre todo, cualititativamente. Un evento no que teñen colaborado doce clubes deportivos e oito empresas relacionadas co deporte avanza un chanzo no seu sinal de identidade, a dinamización comunitaria.
Esta mañá un equipo de participantes e voluntarios de LIMISI xunto con participantes do Proxecto FAIN do CDR O Viso traballaron arreo para sinalizar os circuítos e terreos de xogo para a xornada de mañá. A colaboración da coñecida entidade referente do traballo coa diversidade funcional LIMISI é unha notable aportación desta edición das Olimpiadas. Ademais da axuda loxística e da entrega dun lote de produtos para sortear, teñen ofrecido un asesoramento permanente na incorporación da perspectiva da diversidade funcional á hora de organizar eventos.
Na mesma liña de compromiso social se ten avanzado na preparación do Punto Violeta contra as violencias machista que existirá na xornada. Encárgase o propio CDR O Viso do seu deseño e atención cun dobre obxectivo: ofrecer un punto de seguridade contra calquera violencia e sumar na visibilización deste servizo cada vez máis presente e necesario.