Nace LIMIAR, Asociación de Artesáns da Limia, con sede física no Museo da Limia

Museo da Limia
Nace LIMIAR, Asociación de Artesáns da Limia, con sede física no Museo da Limia
A exposición de inauguración este sábado 11

Un grupo de 10 artesáns vén de constituír a ASOCIACIÓN DE ARTESÁNS DA LIMIA, LIMIAR, en colaboración co MUSEO ETNOGRÁFICO DA LIMIA.

A súa finalidade é crear, producir, investigar e estudar bens artesanais, velando pola difusión, conservación, innovación, defensa e promoción da artesanía galega.

Os/as asociados/as, presididos/as pola costureira de Vilar de Santos, Mercedes Veites Pérez (Lumecú), posúen todos a carta de artesán/á de Galicia, e desenvolverán a actividade nos eidos da cestaría, olaría, instrumentos musicais, pantalla, costura, filigrana e prataría.

INAUGURACIÓN CON EXPOSICIÓN

A asociación comezará a súa andaina cunha exposición, que será permanente este sábado 11 de decembro a partir das 11:30 no Museo da Limia.

Despois da inauguración a asociación contará cun espazo permanente no citado museo, para expoñer e vender as súas creacións, os sábados e domingos de 11:30 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas. O Museo será a sede da asociación e o lugar habitual de impartición de cursos e obradoiros.