Ourense, capital do movemento maker para fomentar o emprendemento

11111
Ourense, capital do movemento maker para fomentar o emprendemento

Do 15 ao 17 de xullo, a Deputación de Ourense organiza a Semana Maker

11111

A Deputación de Ourense converte a Ourense na capital do movemento maker para fomentar o emprendemento coa organización da Semana Maker que se celebra do 15 ao 17 de xullo e que inclúe a presentación do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza “Emprende Makers” (programa INTERREG V A España Portugal), que tivo lugar hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel”.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou na xornada de lanzamento desta iniciativa afirmando que o obxectivo da mesma é “fomentar o emprendemento para crear novas iniciativas empresariais que aposten pola innovación”. No acto de presentación deste proxecto europeo tamén participou a secretaria xeral de Emprego – Xunta de Galicia, Covadonga Toca; a concelleira de Educación e Promoción Económica do Concello de Ourense, Mª Teresa Garrido; ademais de representantes das Universidades de Vigo e do Minho, así como das Cámaras Municipais de Portugal: Paredes de Coura, Famalicao e Melgaço.

Emprende Makers” permitirá crear novas empresas baseadas nas tecnoloxías emerxentes, ofrecerá formación, asesoramento e habilitará espazos para o desenvolvemento de proxecto

O evento, organizado pola Deputación de Ourense e cofinanciado ao 75% polo FEDER da Unión Europea, aposta por fomentar o emprendemento entre os máis novos. Para iso, Emprende Makers contempla a creación e o desenvolvemento dunha Rede de Emprendemento baseada nos centros de fabricación dixital e prototipado da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Trala presentación, desenvolveuse a mesa “O movemento maker ante a pandemia da COVID-19” na que participaron o presidente da European Clusters Alliance, Antonio Novo Guerrero; o Project Manager de Maker Faire Galicia, Rubén Beiroa; o director de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo; e o director xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, Ricardo Capilla.

O proxecto Emprende Makers permitirá a creación de novas iniciativas empresariais; ofrecerá formación, asesoramento e ademais habilitará espazos e sistemas que fomenten o emprendemento na área da innovación. A Semana Maker inclúe tamén a celebración de dous webinars, conferencias que se transmiten por internet que, baixo os lemas “Ecosistema emprendedor: Zaragoza cidade Maker” e “Emprendemento Maker: oportunidades de creación de empresas en base a tecnoloxías emerxentes”, se celebrarán os días 16 e 17 de xullo, respectivamente, a partir das 11.00 horas.