Un outono cheo de propostas gastronómicas e musicais da man da Arca da Noe

noe
Un outono cheo de propostas gastronómicas e musicais da man da Arca da Noe

Unha visita a Arca da Noe en Vilar de Santos vai ser unha boa opción para pasar os días de outono na Limia. A oferta de propostas para pasar o tempo de ocio é moi completa.

A primeira cita chega pronto neste mes de outubro, en concreto o día 16 cando se vai celebrar unha nova edición do Mercado de Artesanía e Produto Local. Un ano máis a Arca da Noe e o forno tradicional Faragullas organizan este evento en colaboración co Concello de Vilar de Santos.

A xornada dará comezo ás 11h cunha saída micolóxica polo monte da contorna acompañados dun profesional da Sociedade Galega de Historia Natural. O mercado abrirá as suas portas ás 12h e xa hai 26 postos inscritos. Ás 14h terá lugar unha foliada para animar o evento. Pola tarde Paula Miranda será a monitora encargada de atender ós máis cativos con xogos tradicionais e populares ás 16h. A xornada rematará co concerto da brasileira Katya Teixeira que actúa por primeira vez en Galicia.

noe5

O certo é que a Arca da Noe non para de propor actividades para tódolos públicos que axudan a dinamizar o rural. O cartel de actuacións está completo ata marzo e polo escenario pasarán multitude de artistas recoñecidos, apostando mesmo,polos concertos entre semana. Este é o caso da actuación de Pedro Pastor o vindeiro luns 28 de novembro ás 20.30h e que irá acompañada dunha cea.

A lista de artistas que agardan un oco para actuar na Arca da Noe é longa e isto conséguese grazas a boa acollida do público. Son moitos os cantantes e grupos musicais que tras o seu paso por Vilar de Santos lle recomendan a outros compañeiros do gremio que veñan actuar cun público atento e interesado pola música e a cultura.

noe3

Nos vindeiros días tamén comezarán a impartir cursos como un de baile tradicional da man de Gabi Reboredo, o venres 21 de outubro de 19.30h a 21.30h. Tamén se porá en marcha un curso de pandeireta, canto e baile para nenos e nenas o 5 de novembro con Lucía Nóvoa, entre outros moitos dos que se van celebrar.

noe 1

Agora a Arca da Noe traballa xunto con outros colaboradores, na posta en marcha dun paquete turístico para gozar dunha fin de semana pola Limia. Visitas ó museo de Vilar de Santos, confección de pan tradicional ou roteiros, entre outras actividades formarían parte deste proxecto que aínda está en proceso de creación.