A “pista dos castros” gañou as olimpiadas

Proba da chave
A “pista dos castros” gañou as olimpiadas
Apenas dous puntos de diferencia entre a medalla de bronce (Camiño da Rá-Fussion Fitness) a de prata (Laroá) e a de ouro (Pista dos Castros)

Unha xornada de xogos, convivencia e competición no Torual que bateu tódolos récords de participación con 16 equipos e máis de 200 atletas participantes.
A meteoroloxía ameazou durante toda a xornada pero permitiu que se desenvolvese con normalidade ata as 19h00, cando a organización decidiu non celebrar as probas da Loita Galega, a Carreira de Relevos e a exhibición dos Vintos. Malia todo, as II Olimpiadas Rurais Interpobos foron un éxito segundo equipo organizador e participantes.

O presidente do colectivo RAS, entidade co-organizadora co CDR O Viso, Borja Rubén Domínguez, quixo agradecer a participación: “non podemos sentir outra cousa máis ca orgullo pola resposta dos veciños e veciñas tanto na competición coma na asistencia coma nas colaboracións de clubes e negocios do ámbito do deporte”.
O clima foi de convivencia comunitaria onde a clasificación final non era o máis importante.
A organización tamén destaca o impacto económico dunha actividade que apenas ten investimento: “as 200 persoas atletas xantaron e cearon en Xinzo así que estamos felices por axudar tamén á aposta pola economía circular”.
Finalmente, o presidente do colectivo RAS agradeceu a colaboración do Concello, que cedeu as instalacións e apoiou loxisticamente, de entidades coma Limisi e o seu asesoramento na inclusión da perspectiva da diversidade funcional e da Consellería de Política Social como financiadora do evento.