A Plataforma Auga Limpa Xa! quere amosar o seu rexeitamento ás supostas multas arbitrarias a agricultores da Limia

MAUS DE SALAS
A Plataforma Auga Limpa Xa! quere amosar o seu rexeitamento ás supostas multas arbitrarias a agricultores da Limia

Denuncia por outra banda, varios vertidos en "parcelas de sacrificio" en Maus de Salas

Pasaron tres lustros dende que se empezaron a ouvir as primeiras queixas por parte da veciñanza de Porqueirós, aldea do concello de Muíños, polas consecuencias da chegada de Coren ao monte da Fouzana, máis coñecido coma o “pastizal das Maus”. Estamos a falar dunha extensión de monte veciñal de máis de 150 hectáreas, na parroquia de Maus de Salas.

A explotación conta con 150 cabezas de vacún en réxime semi-extensivo, todo isto a priori non suporía un problema aparente se non fose polas peculiaridades deste proxecto. A área elexida por Coren para instalarse non foi ó chou. É unha zona de montaña da provincia de Ourense, despoboada e lonxe de grandes núcleos habitados, todo ideal para traballar con total impunidade no que a xestión de residuos se refire, residuos que nin sequera proceden da propia explotación senón que son trasladados en grandes camións cisterna dende outras explotacións afastadas do lugar.

Estamos a falar de xurros de porcino, residuo do que a empresa ten excedente, carecendo de capacidade para xestionalo axeitadamente. Os xurros aplicados en cantidades adecuadas sobre o terreo pode actuar como un bo fertilizante pero vertido en grandes doses concentradas pasa a converterse nun potente axente contaminante. A parcela é atravesada na súa totalidade polo regato de Porqueirós, tendo este o seu nacemento a escasos metros augas arriba do predio e contando con abundantes aportes de auga de nacentes localizados dentro da mesma parcela, é neste curso de auga no que radica o maior problema da contaminación.

Foi xa daquela, en xuño do 2004, cando o concello de Muíños solicitoulle a Coren a corrección das malas prácticas levadas a cabo pola empresa no interior do pasteiro. Nese mesmo mes, os afectados presentan xa por escrito no rexistro do consistorio 26 sinaturas para expresar o seu malestar. A escasos días apróbase no pleno por unanimidade esixir á empresa Coren a paralización inmediata das verteduras, facendo refencia expresa ao pestilente cheiro que desprendían as súas instalacions. No seguinte ano Coren inicia os tramites para legalizar a súa explotacion, pois ata o momento traballaba sen ningun tipo de licencia, é en outubro dese ano cando dende o concello, e por presions veciñais, se lle esixe que cumpra cas medidas establecidas no proxecto aprobado previo á concesión da licencia, pois continúa habendo vertidos de xeito reiterado. Non atendendo tal petición, é a finais de ano cando dende o concello de Muiños se denuncia á empresa fronte á Confederacion Hidrográfica por malos cheiros e risco de contaminacion das augas superficiais e subterráneas, a denuncia quedou arquivada.
auga limpaDende a veciñanza do Val do Limia continúa o malestar polas malas prácticas levadas a cabo por Coren na explotación do pasteiro de Maus de Salas, malestar que segue a medrar ano tras ano como consecuencia da proliferación de cianobacterias no encoro das Conchas, tendo como principal orixe o aumento excesivo de nitratos nas augas procedente da industria porcina.
As verteduras na explotación das Maus son as causantes desta contaminación, afectan de xeito directo a un regato principal subsidiario do río Limia. Segundo o proxecto técnico presentado por Coren no concello de Muiños, neste predio só poden verter os xurros procedentes dunha das explotacións intensivas de porcino localizada no concello dos Blancos, no chamado polígono de Covelas pero isto non se está a cumprir. Neste proxecto tamén se especifica que os vertidos deben restrinxirse aos meses de setembro, novembro e xaneiro, sumando un máximo de 1.500 m3/mes (total 4.500 m3/ano) período e cantidade que ninguén controla oficialmente e que excede con creces o autorizado. Segundo as testemuñas, chega con ter en conta que a balsa que dispoñen ten unha capacidade máxima de 1.900 m3 ( moi inferior ós 4.500 que na teoría alí se transportan). Tampouco lle dan as contas á poboación local atendendo as épocas nas que se transporta o xurro e tampouco ao volume de tránsito de camións cisterna que circulan e descargan diariamente no lugar (adxuntamos fotografía). A isto hai que sumar os evidententes cambios de coloración que sofre con frecuencia o regato de Porqueirós, amosando síntomas inequívocos de contaminación orgánica, chegando a afectar a núcleos de poboación coma o Rañadoiro, que puntualmente nalgún momento optaron por facer consumo destas augas e que no verán do 2017, como consecuencia da escaseza de auga da traída, recurriron ao citado regato para o seu uso doméstico conectándoo directamente á acometida, causando problemas de saúde entre as veciñas e os veciños e mesmo a morte dalgún animal de compañía.

Dende a Plataforma Auga limpa xa! esiximos que a administración, sendo coñecedora do que acontece, tome as medidas pertinentes para correxir a situación actual de descontrol na que se atopa a explotación das Maus de Salas. Este é un gráfico e documentado exemplo de como explotacións gandeiras en extensivo da provincia de Ourense, montes comunais na gran maioría, se están a empregar como "parcelas de sacrificio" para verter indiscriminadamente xurros procedentes da macroindustria cárnica intensiva que ten a obriga de xestionar correctamente os residuos, garantindo a calidade óptima das nosas augas e non poñendo en risco a nosa saúde.