A Policía Nacional e a Garda Civil efectuaron 537 controis na provincia de Ourense dentro do dispositivo de seguridade contra a pandemia nos últimos once días

control-trafico-policia-nacional
A Policía Nacional e a Garda Civil efectuaron 537 controis na provincia de Ourense dentro do dispositivo de seguridade contra a pandemia nos últimos once días
Neles foron identificadas 2.819 persoas, controláronse 2.059 vehículos, realizáronse 218 inspeccións no sector da hostalaría e eleváronse 295 propostas de sanción

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu esta mañá unha reunión de coordinación policial para facer seguimento do dispositivo de seguridade que vela polo cumprimento na provincia da normativa da Xunta contra a pandemia da COVID-19. A xuntanza tivo lugar na Subdelegación do Goberno e contou coa participación dos mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Policía Local de Ourense, así como de representantes da Subdelegación do Goberno e a Xunta de Galicia.

Na reunión, fíxose balance das actuacións realizadas desde o pasado 29 de abril para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas polo Goberno autonómico. En total, do 29 de abril ao 9 de maio a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 537 controis e 218 inspeccións en establecementos de hostalaría. Nos dispositivos identificouse a 2.819 persoas, controláronse 2.059 vehículos e eleváronse 295 propostas de sanción.

O subdelegado do Goberno anunciou que, tralo remate do estado de alarma, seguiranse mantendo reunións de coordinación provincial segundo varíen as medidas establecidas e as forzas e corpos de seguridade do Estado continuarán desenvolvendo tarefas de vixilancia e de sensibilización de acordo coa nova normativa que se publique no Diario Oficial de Galicia e daquela que valide o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En concreto, a prioridade será a de vixilancia das zonas con maior incidencia da COVID-19, as situadas no nivel máximo de risco, no que actualmente se atopan os concellos de Cualedro e de Laza.

Así mesmo, na reunión deuse conta das actuacións levadas a cabo polas forzas e corpos de seguridade do Estado, pola Policía Autonómica e polos distintos corpos de Policía Local para velar polo cumprimento da normativa establecida polas autoridades sanitarias na provincia dende o 7 de outubro de 2020, data na que se constituíu o Centro de Coordinación (CECOR) provincial, ata o 9 de maio de 2021, na que finalizou o estado de alarma. Como consecuencia desa labor realizáronse 11.796 dispositivos de control nos que se identificou a 174.611 persoas, controláronse 168.430 vehículos, realizáronse 4.172 inspeccións en apoio do Plan Hostalaría Segura e eleváronse 7.161 propostas de sanción.

Emilio González quixo trasladarlles ás forzas e corpos de seguridade unha vez máis o seu recoñecemento persoal e institucional polo incansable traballo realizado para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias, ademais de garantir a seguridade cidadá.

Por último, o subdelegado do Goberno sinalou que, a pesar da boa marcha da campaña de vacinación contra o coronavirus e de que a gran maioría da cidadanía ourensá cumpre coa normativa establecida, "segue a ser imprescindible que todos os ourensáns e as ourensás manteñan as medidas de protección sanitaria e continúen a respectar todas as normas marcadas polas autoridades sanitarias".