Prohibido circular a máis de 30 Km/h dende hoxe nas cidades

senal-vial-metalica-30-km-h-velocidad-maxima-diametro-500-mm
Prohibido circular a máis de 30 Km/h dende hoxe nas cidades

A nova normativa establece os límites de velocidade xenéricos en zona urbana:

.-20 km/ h en vías que dispoñan de plataforma única de calzada e beirarrúa.

.-30 km/h en vías dun único carril por sentido de circulación, fronte aos anteriores 50 km/h.

.-50 km/h en vías de dous ou máis carrís por sentido de circulación.

Estas velocidades xenéricas poderán ser rebaixadas, previa sinalización específica, pola Autoridade municipal.

210511_SO_Cidades_a_30(1)

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o alcalde do concello de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, destacaron hoxe a necesidade de que as rúas se transformen nun espazo para a convivencia dos cidadáns durante un acto celebrado con motivo da entrada en vigor do Real Decreto 970/2020, de 10 de novembro, que introduce diversas novidades no regulamento do tráfico urbano. No acto tamén participaron o xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, David Llorente; o capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Ourense, Isaac de Toro; e a intendente xefa da Policía Local de Ourense, María Barrera.

O subdelegado do Goberno lembrou que esta medida foi demandada polos concellos a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e polas grandes cidades, como Madrid, Barcelona ou Bilbao, e ten en conta as medidas que desde hai varios anos foron implantando moitos deles. Ademais, conta co impulso da Unión Europea e das Nacións Unidas. “Coa redución do límite de velocidade búscase axudar a converter as cidades en espazos máis seguros, reducindo o risco de sufrir accidentes e a gravidade dos mesmos”, indicou González Afonso.

CAMPAÑA DE VIXILANCIA E CONTROL DA VELOCIDADE DA DXT

A entrada en vigor da limitación da velocidade urbana coincide coa campaña para a vixilancia e control da velocidade posta en marcha pola DXT entre o 10 e o 16 de maio. O obxectivo é concienciar sobre a perigosidade do exceso de velocidade na condución, así como exercer unha labor preventiva coa presenza de patrullas, á vez que se vixían e controlan os excesos de velocidade mediante radares fixos, estáticos e móbiles.

Así mesmo, esta campaña da DXT lévase a cabo na semana anterior á celebración da VI Semana Mundial para a Seguridade Vial que, auspiciada polas Nacións Unidas, celebrarase entre os días 17 e 23 de maio. O lema escollido este ano céntrase tamén na redución do límite de velocidade a 30 km/h nas zonas urbanas, baixo o lema “Construíndo rúas para a vida” (Streets for Life #Love 30).