viernes 28/1/22

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, no CDR “O VISO” lanzaron  a campaña O RURAL CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA: QUE PODO FACER EU?, coa que se pretende concienciar á veciñanza para tomar como propia a loita contra o machismo.
Somos conscientes da necesidade de adquirir un compromiso (obrigación contraída) comunitario para que ningunha muller, nena ou neno teñan que sufrir ningún tipo de maltrato.
Como xa vos contamos, levamos toda a semana traballando nos Centros Educativos de Infantil e Primaria (CEIP) da comarca na prevención das condutas que perpetúan os roles hexemónicos de xénero e que poden desembocar en comportamentos machistas e violentos contra as nenas, mozas e mulleres.
Consideramos vital aprender a identificar as formas de violencia, tamén as do ámbito familiar, por iso levamos a cabo, ademais de nos colexios, intervencións polas aldeas da comarca nos nosos diferentes grupos de traballo (Lodoselo, Laróa, Bóveda ou Vilar de Barrio) para sensibilizar, informar e que poidamos desaprender as condutas tóxicas e aprender outras dende o respecto.

Onte, 25 N, por mor da chuvia destes días, non puideron  facer o fermoso mural que lles  deseñou Ana Parada na Rúa Ladeira. Pero farano  en canto o tempo o permita para deixar constancia de que estamos #fartas e que queremos a todas as mulleres VIVAS e LIBRES.

DOMINGO NA MOREIRA
O domingo estararán  tamén na Moreira, ás 16:15 no partido Antela – Allariz facendo unha homenaxe as vítimas desta lacra machista.
Aproveitarán  para recordar que durante todo o ano ofrecen atención psicolóxica permanente a mulleres vítimas da violencia de xénero e ás súas fillas e fillos para apoderar, superar o sufrimento e poder continuar unha vida digna.
Se coñeces algunha persoa que sexa vítima de violencia de xénero ou violencia sexual, non a culpes e acompáñaa aos centros de atención onde poida recibir apoio.
Entre todas e todos gañaremos a batalla contra a violencia de xénero.

Estas actividades están financiadas pola Secretaría Xeral da Igualdade, mediante as subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, da convocatoria do ano 2020.