A Sainza volveu a ser o que era antano
Baixo un calor de “festa da Sainza” celebrouse a misa de campaña antes da recreación da batalla de Mouros e Cristiáns cunha afluencia de máis de 10.000 persoas
Como nos grandes días da Sainza de fai anos o campo de batalla estaba rodeado de miles de persoas que esperaron a celebración da misa campestre presidida por Antonio Fernández e cooficiada polo cura da parroquia Emilio Casal.
Xa facía anos que o palco dende o que se celebra a misa non tiña unha representación tan grande de alcaldes da Limia que arrouparon a alcaldesa socialista Asunción Morgade.

Unha vez rematada a misa “cantada” por unha pianista acompañada por dúas pequenas a viola e ao clarinete, que foron varias veces aplaudidas polo seu acompañamento musical e felicitadas por as autoridades comezaron os preparativos da batalla.
SEMPRE O MESMO, PERO SEMPRE DISTINTO

O narrador comezou a explicarlle ao público que estoicamente esperaba a batalla, que aquelo era unha figuración e unha ilusión óptica, na que os soldados de un lado e de outro, solo existían na imaxinación de cada un dos presentes.
Como ocorre todos os anos, e tal e como relatan as crónicas, o capitán das tropas cristiáns esgotou todas as formas de parlamento ata chegar a declaración da guerra, que coa axuda, como di el as súas tropas, da Virxe da Merced e o Apóstolo, venceron aos “impíos” e rescataron aos presos.

Unha vez rematada a batalla a pirotecnia fixo a súa exhibición e co traslado da Virxe a súa capela da Sainza remataron os actos da mañá para pasar todos a compartir mesa, ou chan e mantel unha comida campestre, que co bo día que estivo apetecía.
