A torre da homenaxe de Pena, construise segundo os estudos entre finais do XIV ou primeiros do XV

Torre e muralla exterior
A torre da homenaxe de Pena, construise segundo os estudos entre finais do XIV ou primeiros do XV
Pequena descripción da historia, do seu estado e dos traballos que comezan esta semana

O Castelo ou Fortaleza da Pena sitúase na parroquia de San Pedro da Pena, do concello ourensán de Xinzo de Limia. Os terreos onde se empraza son propiedade da Xunta de Galicia (referencia catastral da parcela: 32033A14800258). Está declarado ben de interese cultural de acordo coa Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

03_muralla exterior_1Trátase dun sitio patrimonial de época medieval que presenta nun moi bo estado de conservación a torre da homenaxe, unha das tres que na actualidade se conservan das torres da Limia. De planta practicamente cadrada, cuns 10,30 m de lado, 20 m de altura máxima e fábrica de cantaría regular, no seu interior divídese en baixo e dous andares mediante tres bóvedas de canón. Ten a entrada no primeiro andar e outros cinco vanos, catro deles abucinados ao xeito de seteiras e o quinto, na vertical da porta de entrada, unha ventá de corpo enteiro. A bóveda do andar superior aparece perforada para realizar, mediante unha escaleira a través do muro, o acceso á terraza exterior, na que se conservan aínda as pezas de cantería (modillóns) sobre os que se sostiña o adarve amatacanado. En tres das catro paredes da torre consérvanse, ao exterior, diferentes machinais que constatan que a edificación tiña acaroada outras construcións.
A torre sitúase nunha posición aproximadamente central ao recinto do castelo, duns 3.000 m2, que ten unha planta tendente á ovalada disposta en sentido NE-SW, duns 70 m de longo por 45 de anchura. A muralla exterior consérvase en bastante bo estado de conservación ao norte, leste (onde hai unha rotura duns 4 m de lonxitude) e sur, mentres que está practicamente desaparecida polo oeste. Está feita en cantaría irregular, con traza curvada que se adapta aos afloramentos graníticos existentes. Ten unha anchura aproximada de 2,10 m e por zonas chega a conservar unha altura exterior de máis de 5 m, mentres que cara ao interior consérvase só ata a cota do terreo existente, con excepción da zona norte, onde chega a superar os 2 m de altura; nesta zona consérvase ademais unha seteira abucinada. No interior do recinto aprécianse diferentes restos de muros, especialmente ao noroeste da torre da homenaxe.

Dentro do castelo a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xa realizou dúas campañas de sondaxes arqueolóxicas de cara a avaliar o estado de conservación dos restos do castelo. A intervención do ano 2016 estendeuse por diferentes zonas e permitiu documentar o que parece unha liña de muralla interior do castelo, feita en cantaría regular de granito, ao sur da torre, entre esta e mais a muralla exterior. Tamén se localizou un tramo desta última, entre dous bolos graníticos, ata entón tapada por escombros, así como outras construcións e pavimentos situados na zona norte do castelo. No ano 2017 a intervención centrouse na fronte nordeste da torre da homenaxe, na que se apreciaban en superficie diferentes muros acaroados a ela. Como resultado identificouse un torreón máis pequeno feito tamén en cantaría regular, seguramente relacionado co sistema de acceso á torre. As datacións que se obtiveron atribúen a construción da torre da homenaxe ao último cuarto do século XIII ou ao século XIV, mentres que o torreón parece ter sido construído xa na primeira metade do século XV.04_muralla exterior_1

Á vista dos importantes resultados que se obtiveron ata o momento, e dos valores científicos e patrimoniais do conxunto, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural considerou necesario realizar un proxecto integral de escavación, conservación e acondicionamento deste ben patrimonial para así afondar máis no seu coñecemento e documentación, mellorar o seu estado de conservación e favorecer o seu uso como recurso turístico-cultural, facendo máis visibles aos visitantes as estruturas do castelo que rodean a torre da homenaxe.

En concreto, os traballos centraranse fundamentalmente na muralla exterior do castelo, que se sitúa en zonas de forte pendente e moi cuberta de vexetación, cando non tapada por derrubas que dificultan a súa visibilización polos visitantes. Os obxectivos son investigala e documentala para logo deixar á vista unha parte importante que permita comprender e explicar o sitio alén da súa torre central e facilitar así a comprensión do conxunto durante a visita do público. Tamén se actuará sobre o torreón acaroado á torre da homenaxe, de cara a rematar a súa escavación e conservación, e, dentro desta última, no andar inferior, de cara a baleiralo por completo de recheos e documentar o seu pavimento.

Ademais, logo deses traballos deberán de acondicionarse os circuítos de visita ao sitio, de modo que se siga permitindo a correcta circulación dos visitantes ao redor da torre da homenaxe así como o ascenso á plataforma na que se sitúa esta desde os sectores norte e sur do castelo. Tamén se realizará unha sinalización interior do sitio mediante carteis ou fitos informativos que expliquen as características xerais do sitio e das diferentes estruturas conservadas, para que os visitantes poidan realizar unha visita auto guiada e, a través dun código QR, accedan a un vídeo que lles permita percorrer o interior da torre da homenaxe. Tamén se quere difundir entre a cidadanía os traballos arqueolóxicos que se van realizar mediante diferentes accións de divulgación (redes sociais, visitas guiadas, ...).