A TVG estrea Verbenalia cunha reporteira da Limia

pfs
A TVG estrea Verbenalia cunha reporteira da Limia

A Televisión de Galicia prepara unha gran estrea para este venres día 5, un programa que vai substituír ó Luar durante os meses de agosto e setembro. Verbenalia é un espazo onde convive a música máis tradicional coa música de multitude de orquestras. Non faltará o humor de cómicos tan coñecidos como Marcos Pereiro e Federico Pérez.

O ourensán Rodrigo Vázquez é o presentador de Verbenalia e contará coa axuda da reporteira limiá Patricia Santana. Manuel de Andrade e Eva Iglesias forman parte tamén do equipo de colaboradores que participan neste novo proxecto audiovisual para as noites de verán.

Un total de sete programas nos que veremos caras moi coñecidas do audiovisual galego que subirán ó escenario para cantar, bailar e dar o tradicional pregón das festas.

Os espectadores poderán gozar dunhas tres horas de música en directo que recrean a verbena actual na que participa xente de tódalas idades.

Verbenalia é unha produción de Tex45 Producións coa colaboración de Suido Producións e Ainé Producións e que comeza a emitirse o venres 5 na TVG.