Un veciño de Fiestras e o seu equipo gañan a carreira de patrullas que organiza a Brilat

miitares
Un veciño de Fiestras e o seu equipo gañan a carreira de patrullas que organiza a Brilat

Militares de todo o mundo participaron na proba dos 120 km entre Tui e Santiago de Compostela

A Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable organiza cada ano unha carreira de patrullas con duras probas a superar polos participantes, trátase da proba máis importante de España. Esta edición que vén de celebrarse rematou coa vitoria dos membros da TERNOR da Armada entre os que se atopa Rubén Cuquejo Rodríguez, de Fiestras, e como suplente do equipo, Carlos Antonio Rodríguez Gil, de Morgade.

Os gañadores percorreron 120 quilómetros entre Tui e Santiago de Compostela superando probas como unha topógrafica, tiro de precision con fusil, pista de obstáculos, rapel, cruce de río a nado e lanzamento de granadas. Pese a dureza dos tramos conseguiron completar todo en menos de 22 horas e chegaron á Catedral de Santiago ás 5.50h da mañá do 9 de setembro.

"Gústame o deporte e esixirme ó máximo e supoño que por iso decidín facer esta proba", destaca Rubén de 25 anos que estudou Educación Primaria e actualmente traballa na Infantería da Marina.

A proba esixe levar unha mochila de 8 quilos como mínimo, xunto co fusil, vestimenta e botas polo que cómpre estar ben en forma. "Adestramos de xeito especial as propias probas e fixemos moitas marchas e carreiras con mochila e natación en piscina e ría, tiro...".

militares 2

Tiveron que enfrontarse a militares que chegaron de todo o país e tamén de Francia, Bélxica, Portugal e Reino Unido. Superar a tanta xente require tamén dunha gran forza mental, "que cando físicamente non estás todo o ben que che gustaría e o que desexarías sería parar, a túa cabeza che diga non , que tes que seguir e sigas", apunta Rubén.

A proba é de caracter voluntario polo que o feito de anotarse a ela foi máis ben cumprir unha serie de obxectivos. "A nivel persoal, e supoño que para os meus compañeiros, o que nos levou a facela é o afán de superación de cada un e intentar superar uns límites e mellorar. A nivel colectivo é un orgullo representar ó Tercio Norte de Infantería de Marina e co noso esforzo deixar o seu nome o máis arriba posible".

militares 1

O certo é que o que máis lle costou, segundo destaca Rubén, foi o feito de que o resto de compañeiros que tamén adestraron con eles non poideron participar. A proba só permite un máximo de 6 participantes por patrulla.

Agora coa vitoria nas mans este mozo de Fiestras quere agradecer o apoio que a súa xente lle mostrou. Rubén gastou enerxía na proba pero aínda conservou algunha e xa está pensando en anotarse na vindeira carreira de patrullas.