Volveron os sábados en familia de Lopdoselo
A fin de semana pasada retomaronse os Sábados en Familia cunha ruta polo patrimonio arqueolóxico do Concello de Cualedro, "potencia mundial do ceo e do silencio".

O punto de encontro foi o CEIP Vicente Risco, onde agardaba un guía excepcional: o Nica Mares, autor do libro Cualedro, aquí tan lonxe (2022). O primeiro que fixemos foi visitar a Aula Arqueolóxica Antonio Colmenero para facer unha aproximación á historia do Concello de Cualedro e a súa riqueza arqueolóxica para despois ir ver in situ todo aquilo: un petroglifo, unha mámoa, a casa da neve, Pena Muller e outros penedos da serra, as lendas acerca do deus Larouco e o castro da Saceda. Unha verdadeira gozada poder aprender e evidenciar o grandísimo patrimonio que temos aquí ó pé da casa.

Graciñas á Ana, Mario, Antón, Andrés, Xoán, María José, Olga e Toño por participar e ó Nica por abrirnos as portas; habemos volver!
A actividade sábados en familia pretende fomentar un lecer saudable na comarca da Limia e arredores, poñendo en valor o patrimonio natural, arquitectónico, arqueolóxico, etnográfico… e, sobre todo, o patrimonio humano.
Está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con carga á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e pola Deputación provincial de Ourense a través da subvención para proxectos de prestación de servizos sociais.