Volve o “Percorrido pola saúde da zona rural de Xinzo”

taller aldeas
Volve o “Percorrido pola saúde da zona rural de Xinzo”
A Escola de Saúde da Limia viaxará polas aldeas do Concello comezando por Morgade este luns REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia A Escola Rural de...

A Escola de Saúde da Limia viaxará polas aldeas do Concello comezando por Morgade este luns

REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia

A Escola Rural de Saúde da Limia viaxará polas aldeas do rural do municipio capital da Limia, ca cuarta edición do “Percorrido pola saúde da zona rural de Xinzo”. Estas ponencias itinerantes realizaranse entre os meses de maio, xullo e agosto e centraranse en coñecer a importancia da alimentación e a súa influencia nas enfermidades crónicas, así coma en desenvolver habilidades persoais para o autocoidado.

En cada aldea, organizaranse dúas sesións en días separados. A aldea de Morgade será a primeira en acoller este taller no seu Centro Social, os próximos luns día 12 e mércores 14 de maio, en horario de 16 a 18 horas.

Os obradoiros serán impartidos polos profesionais do Nutrición Center Prieto: Pablo García Vivanco e Yolanda Gómez Díaz, ambos  licenciados en Farmacia e especialistas en dietética, e Sonia Rodríguez Joga, graduada en enfermería.

O número de aldeas ás que a Escola de Saúde levará esta actividade, que tamén conta coa colaboración do Concello de Xinzo, clínicas, ópticas e farmacias, aínda non está pechado. Así, desde a asociación aseguran que “están abertos a programala en todos aqueles lugares onde os veciños consideren que existe esa necesidade de información”.

O programa conta cunha parte teórica que tratará da alimentación nas persoas maiores e enfermos crónicos, así coma as diferentes dietas existentes e os alimentos saudables. E unha segunda parte de tipo práctico onde se levará a cabo a medición do colesterol, azucre, tensión arterial, etc.

Lola Rico, a presidenta da asociación organizadora, recordaba que a entrada a este taller será “libre e non precisa de inscrición previa” e que agardan unha alta participación para poder continuar coa súa función de “dinamización social”. “O que queremos ofrecer é unha conversa directa co profesional na que tódalas dúbidas queden resoltas e na que o tempo non sexa un impedimento”, explicounos Lola.