X Solidaria

Campaña X Solidaria en Ourense

As entidades sociais galegas piden o apoio das persoas contribuíntes na declaración da renda

Coincidindo co inicio da campaña para a presentación da Declaración da Renda, as ONG galegas representadas por EAPN Galicia, Cermi Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, piden a colaboración da cidadanía para que marque o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, coñecido como X Solidaria.

Ante a realidade que estamos vivindo actualmente, faise vital contribuír ao funcionamento das entidades que loitan contra á exclusión social e a pobreza. As ONG prestan servizos esenciais na loita contra o COVID-19, a crise social e económica actual pola inflación e a guerra de Ucraína, apoiando e defendendo os dereito das persoas máis vulnerables. Este traballo é posible co X Solidario.

O financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF é necesario e fundamental para que moitas ONG galegas poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas, veciñas e veciños cos que convivimos.

Xa foron moitas as persoas que na campaña anterior colaboraron marcando a X Solidaria en Galicia: 744.082 persoas, o que supón o 54,94% do total das contribuíntes. Comparado co ano anterior, foron 8.377 persoas máis as que marcaron o recadro de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social.

Con este xesto recadáronse 19.635.313€, unha cantidade de 26,39€ por persoa, permitindo recadar a cantidade de 342.930€ máis. Todos estes fondos recibidos durante a campaña do ano pasado, recaeron en 141 organizacións galegas de acción social que puideron levar a cabo máis de 500 proxectos que beneficiaron de xeito directo a 105.000 persoas maiores, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, xente moza, nenas e nenos,...

Todas estas persoas son usuarias de programas como o de teleasistencia, apoio ás persoas con discapacidade e familias, educación para a saúde, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna sociofamiliar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado, transporte en vehículos adaptados, entre outros moitos.

Dende as entidades sociais temos o punto de mira nas 610.363 persoas contribuíntes que seguen sen marcar o X Solidario. Destas, foron 494.714 as que non marcaron ningún recadro e 115.649 as que só marcaron o recadro da Igrexa. Se todas as galegas e galegos marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 32.540.813€, é dicir, 12.905.500€ máis dos recadados.