Xa volve haber escolares de visita en Lodoselo

escolares en lodoselo
Xa volve haber escolares de visita en Lodoselo

Onde as ovellas non teñen goma de mascar na boca

Xa ía sendo tempo… Co mes de xuño comenzaron de novo, tras esta longa paréntese, os grupos dos centros escolares a participar no Pobo escola. Grupos aula, grupos reducidos gozando das potencialidades do noso rural.

- Da compaña de Andrea, Aya e Alberto que os acollen e coidan,
- de Angelita coa que no forno comunitario amasamos, cocemos o pan e degustamos o hinchón ou as raspas,
- das rúas do pobo e un entorno cada vez "máis desadornado de xente" (que nos di M. Rivas),
- do recanto do Carballo con botas,
- do Fariñeiro, o burro que tira do carro desde o que imos aprendendp a mirar un espazo vital para nós,
- das ovellas –de raza galega- que nos axudan a manter esta paisaxe humanizada, nos aportan unha saborosa carne e que non están mascando “chicle” deitadas á sombra porque aprendemos que están remoendo.
- da Néboa a mastina que nos enche de pelos -nesta tempada- e tamén de beixiños mollados,
- das moitas aves (galiñas e galos, moitos pitiños de distintas razas, oca, pato indio, pavos… e coellos ( de monte e domésticos) que enchen os galiñeiros e as cortes na horta do Carregal,
- do olor, dominante estes días da flor do sabugueiro porque arredor da casa reitoral hai ata catro conxuntos de matas e arbustos desta planta que se di “Nin de sabugueiro bo vencello, nin de cuñado bo consello”.
- do paseo polo espazo sensorial (que seguimos construíndo, ampliando, mellorando) que bordea o centro de inclusión e a casa niño… e das persoas que formamos parte do CDR e deste espazo no que ben poderiamos proclamar ó xeito de Shakespeare: “Nós poucos, nós, felizmente poucos, nós, unha banda de irmáns”