Xinzo aposta pola linguaxe sinxela en espazos públicos para axudar a persoas con dificultades de comunicación

pictogramas5
Xinzo aposta pola linguaxe sinxela en espazos públicos para axudar a persoas con dificultades de comunicación

O municipio da Limia é o único da provincia de Ourense e o segundo de Galicia con este tipo de sinalización, que ten como obxectivo a inclusión

Hai barreiras máis difíciles de sortear que as arquitectónicas. As cognitivas son un obstáculo para moitas persoas con dificultades de comunicación. O Concello de Xinzo de Limia segue mostrando o seu compromiso para axudar a este colectivo e instalará pictogramas nos pasos de peóns das proximidades dos centros escolares da vila. As plantillas cos símbolos acaban de chegar e está previsto que nos próximos días comecen os traballos de pintura. “Para. Mira. Coche parado. Cruza”. Esta é a secuencia de pictogramas que poderá verse nos pasos de cebra. A través de sinxelas imaxes facilitarase a comprensión da mensaxe e, polo tanto, a mobilidade a aquelas persoas con necesidades cognitivas. Deste xeito, ademais das persoas con TEA (Trastorno do Espectro Autista), poderán beneficiarse da idea aquelas con problemas de comprensión, discapacidade intelectual ou maiores.

PICTOGRAMAS7A iniciativa partiu do colexio Rosalía de Castro de Xinzo de Limia, que leva un tempo traballando a metodoloxía Teacch para que os alumnos con problemas de comunicación puideran desenvolverse o mellor posible no seu entorno. Así, colocáronse primeiro logos nas zonas comúns do colexio para indicar de forma sinxela as diferentes estancias e a proposta tivo unha resposta tan boa por parte dos estudantes que decidiuse trasladar ao Concello a posibilidade de levar os pictogramas aos edificios públicos, onde xa foron colocados os paneis. Agora, unha vez que se levou a cabo este traballo nos edificios públicos, o executivo local segue a mostrar o seu compromiso para mellorar accesibilidade no municipio e instalará os símbolos nos pasos de cebra.
Cómpre destacar que Xinzo de Limia é o único concello da provincia de Ourense e o segundo de Galicia con este tipo de sinalización, que ten como obxectivo a inclusión. Ademais, a súa aposta por mellorar a mobilidade na vila materializarase no primeiro plan de accesibilidade do municipio para eliminar as barreiras arquitectónicas dos espazos públicos. Para levalo a cabo estase a traballar da man de Cogami, referente en Galicia para as persoas con discapacidade. Acordouse que o primeiro paso sexa a realización dunha auditoría para detectar todos os puntos críticos e poder deseñar o plan, que será a folla de ruta para futuras intervencións.

Os responsables municipais son conscientes de que en época de pandemia deben deseñar espazos seguros e saudables con proxección de futuro, ademais de adaptar os que xa existen para que toda a poboación poida gozar plenamente deles.