Xinzo e Ponte de Lima abrazarán mañá ao río Limia para fomentar a concienciación ambiental
O río Limia recibirá mañá un gran abrazo. O pasado outono, 1.200 alumnos e alumnas de Xinzo, Ponte de Lima e arredores participaron neste acto simbólico en Portugal que demostra o valor que para os cidadáns teñen as súas augas e que fomenta a concienciación ambiental. Os estudantes portugueses devolven a visita e está previsto que os nenos e nenas dos CEIP Rosalía de Castro e Carlos Casares unan as súas mans coas dos cativos da localidade lusa.

A actividade “Abrazando ao Limia” recuperouse o pasado ano despois do parón da pandemia e a iniciativa volve a demostrar a fraternidade entre Xinzo e Ponte de Lima, irmandadas e que cunha relación que se remonta moitos anos atrás. Ambas localidades posúen moitos puntos en común coma o río e contan con espazos semellantes no ámbito da súa comarca.
Segundo se establece no programa, está previsto que as 10.00 horas se realice unha recepción na Praza Carlos Casares e se leve a cabo un acto institucional na Casa da Cultura. Ás 12.00 horas dará comezo o abrazo ao río Limia e despois do xantar visitarase o Museo do Entroido. Pola tarde realizarase unha visita aos Xardíns de Allariz.