viernes 3/12/21

Xogo de pistas polo pobo con códigos qr en Lodoselo

Esta actividade, un xogo para todas as idades, consiste en facer un percorrido polo pobo de Lodoselo seguindo un itinerario con paradas ao longo de 12 puntos,

Esta é unha oferta máis do CDR para coñecer o noso medio rural, a nosa cultura concreta e particular. Contra a indiferenza, o desprezo e a condena dos saberes que endexamais foron valorados, como moitas culturas dos olvidados e excluídos fronte á imposición dun modelo cultural presentado como universal, queremos realzar estas diferenzas que nos fan singulares (en todos e cada un dos lugares) porque a pluralidade enriquécenos. A veces só necesitamos que alguén nos axude a mirar.
Esta actividade, un xogo para todas as idades, consiste en facer un percorrido polo pobo de Lodoselo seguindo un itinerario con paradas ao longo de 12 puntos, seguindo as pegadas, nas que están colocadas uns códigos qr.
O obxectivo principal é pasalo ben con esta proposta; adornar o pobo con xente e á vez ofrecer que se coñeza este mundo no que vivimos. É moi interesante que se conte coa poboación local, que se lle pregunte e se fale sobre o que se vai atopando sempre dende o respecto e con educación. Falar con eles é coñecer directamente o noso medio rural.
En cada un dos 12 puntos do percorrido hai unha placa no que están indicados o número da pegada e un código qr. Haberá que empregar unha aplicación de lecturas de códigos qr que teñas no teu móbil.  A lectura de cada un dos códigos, a través do teléfono móbil (hai que ter activados os datos), levarate a un documento no Google Drive na que terás unha serie de propostas en forma de xogos, preguntas, etc., que che servirán para ir descubrindo Lodoselo.
O seguimento do itinerario é secuencial. Tamén terás en cada un  instrucións para seguir o camiño ata o seguinte punto. Dentro dos contidos hai  información sobre construcións, usos do territorio, emprego de materiais, infraestruturas, etc.
Recordar que o importante, ademais de coñecer este lugar, é que se pase un tempiño agradable; así que o mellor é realizar aquilo que máis lle guste a cadaquén; non é necesario  facer todo dunha vez.  Para unha maior seguridade están solicitados dous pasos de peóns na estrada que hai que atravesar facendo este percorrido.
Despois de rematar as propostas da última pegada, o punto 12, hai indicacións para chegar a un último punto no que a través dun novo código  qr terase aceso ás respostas das cuestións propostas ao longo do percorrido.
Esta actividade leva desde a primeira metade da década dos 90 formando parte da oferta que ofrece o CDR como Pobo-escola. Entón había más veciñas e veciños polo pobo para axudar ós diferentes grupos que facían esta actividade, infancia, xuventude, persoas adultas. Agora, coa colaboración do Concello de Sarreaus, puidemos facer estas placas e ofertar esta actividade en aberto a todas as persoas que se acheguen por aquí. Familias, grupos de amigos da contorna e de calquera lugar; pensamos tamén que é outra oferta máis para as persoas que se hospedan en Couso. E contamos seguir aumentando as proposicións porque noutras seguimos traballando.