As xornadas sociosanitarias que gañaron a primeira beca de Medicina Rural retomaranse en Xinzo

xornada
As xornadas sociosanitarias que gañaron a primeira beca de Medicina Rural retomaranse en Xinzo

Está previsto que asistan oito poñentes entre profesores universitarios, médicos, enfermeiros e traballadores sociais

Cualificaron o traballo como o máis sólido de todos os presentados. A Asociación de Médicos Galegos e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia veñen de proclamar gañador da primeira beca de Medicina Rural o proxecto do equipo de Cristina Margusino, que promoveu as xornadas de atención sociosanitaria de A Limia. Deseñadas para favorecer o encontro dos axentes que atenden á poboación e os veciños para describir problemas relacionados coas enfermidades e a forma de afrontalos, as reunións sufriron un parón pola pandemia.

A primeira reunión celebrouse en Vilar de Santos e o segunda, prevista en Baltar, tivo que suspenderse. Está previsto que o 5 de xuño se celebren na Casa de Cultura de Xinzo e que asistan oito poñentes entre profesores universitarios, médicos, enfermeiros e traballadores sociais, entre outros. A intención dos organizadores é que a xornada remate, se o tempo acompaña, coa realización da Ruta de Trandeiras.

A alcaldesa, Elvira Lama, mantivo esta mesma semana unha reunión con Cristina Margusino, xefa de servizo do Equipo de Atención Primaria de Xinzo e María José Feijoo, coordinadora de Enfermería. Destaca a rexedora “a importancia da colaboración entre os diferentes axentes que traballan en prol dunha poboación saudable”.

Tal e como se explica no plan de traballo deste interesante proxecto, nunha zona rural como a de A Limia a relación entre pacientes, coidadores, institucións municipais e organizacións sociais é estreita, polo que este tipo de xornadas serían de gran utilidade. Neste concello con poboación maior, pacientes pluripatolóxicos con coidadores de similar idade e sen servicio de hospitalización a domicilio, ademais dun problema médico existe unha problemática social. Cómpre destacar que nesta área nunca se levou a cabo un proxecto destas características.