A Xunta amplía ata o 15 de maio o prazo para solicitar os máis de 205 millóns de euros convocados ao abeiro das axudas da PAC

image_gallery
A Xunta amplía ata o 15 de maio o prazo para solicitar os máis de 205 millóns de euros convocados ao abeiro das axudas da PAC
Como novidade, os interesados poden descargar diferentes aplicacións electrónicas para informarse sobre as axudas da PAC, consultar as súas solicitudes ou facer alegacións

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que amplía ata o 15 de maio o prazo para solicitar as axudas da PAC, isto é, os pagamentos directos á agricultura e á gandaría e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control. Cabe lembrar que os gandeiros e agricultores galegos poderán presentar a solicitude única accedendo directamente cun certificado dixital á aplicación informática SGA ou acudindo ás distintas entidades colaboradoras. Unha vez finalizado o prazo de solicitude, poderanse presentar solicitudes de modificación ata o día 15 de xuño.

O orzamento previsto para esta convocatoria elévase aos 205 millóns de euros, dos cales 170 millóns correspóndense cos pagamentos directos da PAC e 35 millóns de euros coas medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).

Prevese que uns 26.000 agricultores e gandeiros soliciten estas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e que son de gran interese para o sector primario. Grazas a estas axudas conséguense reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se potencian os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.

Nesta campaña, a Consellería do Medio Rural conta con máis de 50 entidades colaboradoras que se están a encargar de tramitar as solicitudes de axuda en toda Galicia.

Novidades da campaña da PAC 2021

Neste 2021, cabe resaltar novidades como que os interesados poden descargar diferentes aplicacións electrónicas para informarse sobre as axudas da PAC, consultar as súas solicitudes, facer alegacións e mesmo realizar fotografías xeorreferenciadas cando sexa necesario para completar algún dos procesos precisos para a concesión das achegas.