A Xunta amplía ata os 96 millóns de euros o seu 2º plan de rescate para dar liquidez aos negocios afectados pola pandemia

A Xunta amplía ata os 96 millóns de euros o seu 2º plan de rescate para dar liquidez aos negocios afectados pola pandemia

O Diario Oficial de Galicia publicou onte a ampliación en 21 millóns de euros do orzamento inicial de 75 millóns, o que supón un incremento do 28%

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte unha ampliación no orzamento do 2º Plan de Rescate activado o pasado febreiro pola Xunta para aportar liquidez aos autónomos, microempresas e establecementos hostaleiros e de outra natureza afectados polos peches realizados por criterio sanitario.

A Xunta engade 21 millóns de euros ao orzamento do 2º plan de rescate que inicialmente contaba con 75 millóns de euros, o que supón un aumento do 28%. O obxectivo deste incremento no orzamento do 2º plan de rescate é poder chegar, coma xa se fixo co 1º plan, á práctica totalidade das solicitudes que cumpran os requisitos. Na actualidade, a Administración galega está a completar os pagamentos do 2º Plan de Rescate. Ten xa aboado o 90% do orzamento inicial, dos 75 millóns de euros, é dicir, xa pagados 66 millóns.

Para a Xunta de Galicia é unha prioridade garantir o mantemento de actividade dos negocios e, polo tanto, dos empregos asociados, polo que o Goberno galego está a facer un novo esforzo económico para apoiar o sacrificio que están a facer moitas empresas que se están vendo afectadas pola covid-19. A Administración autonómica galega, polo tanto, segue aportando fondos e inxectando liquidez aos negocios máis afectados pola crise sanitaria a través de axudas directas. En total mobilizará en tempo récord cos dous plans de rescate 182 millóns de euros.