A Xunta oferta 40 prazas do primeiro curso especializado de 150 horas sobre igualdade entre homes e mulleres nas relacións laborais

Prazas para curso especializado sobre igualdade
A Xunta oferta 40 prazas do primeiro curso especializado de 150 horas sobre igualdade entre homes e mulleres nas relacións laborais

A actividade desenvolverase a partires do 19 de xaneiro no Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia mantén aberto o prazo de inscrición e matrícula no curso de 150 horas Igualdade entre homes e mulleres nas relacións laborais, unha actividade formativa sen precedentes noutras comunidades autónomas, polo seu carácter específico e duración, para a que se ofertan 40 prazas.
A formación impartirase de forma presencial no Centro de Novas Tecnoloxías en Santiago de Compostela. Abrirase o próximo 19 de xaneiro e prolongarase ata o 3 de xuño con sesións que se celebrarán os mércores e venres en horario de tarde.
O curso está dirixido, por unha banda, a estudantes e/ou graduados en Dereito, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Ciencias do Traballo, Ciencias Económicas e Empresariais, Administración e Dirección de Empresas, Economía, Ciencias Políticas, Relacións Laborais ou Graduado Social. Igualmente, poderán acceder as persoas con funcións de recursos humanos, xefaturas de relacións laborais, asesorías e cadros das organizacións empresariais e sindicais, teñan ou non titulación universitaria, sempre e cando na súa actividade profesional concorra unha especial vinculación con esta especialidade.
Con esta actividade, o Goberno galego quere ofrecer formación especializada en perspectiva de xénero que proporcione ás persoas destinatarias as ferramentas necesarias para poder implantar plans e medidas de igualdade tanto na empresa privada como no ámbito público. A formación para a negociación, avaliación e revisión dos plans de igualdade e a efectividade do principio de igualdade de trato na retribución constitúen na actualidade materias con alta empregabilidade e demanda empresarial.
Os contidos do curso, que contará coa dirección académica de Belén Fernández Docampo, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, estarán estruturados en 7 módulos de carácter teórico e dous prácticos que abordarán, entre outras cuestións, a igualdade retributiva, o deseño dos plans de igualdade, a prevención do acoso ou medidas de protección social vencelladas con esta materia.
A información sobre prazos, taxas e contidos do curso, pódese consultar na web aigualdadelaboral.com.