domingo 22/5/22

O alcalde de Trasmiras úrxelle ao Sergas unha solución “definitiva” á praza do médico titular

Emilio José Pazos Ojea, o rexedor, enviou o pasado venres un escrito á Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco instándoa a “darlle unha solución á maior brevidade posible”.

concello de trasmiras
concello de trasmiras

O rexedor do Concello de Trasmiras, o popular Emilio José Pazos Ojea, remitiu o pasado venres á Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras un escrito solicitándolle unha “solución definitiva e á maior brevidade posible” á falta de facultativos que sufriu o concello durante catro días.

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Emiio Pazos Ojea (Alcalde do Concello de Trasmiras).
Emilio J. Pazos, nunha reunión con Baltar (Foto arquivo)

O alcalde tomou a decisión de enviar unha comunicación logo de que as súas xestións telefónicas non desen o resultado agardado. Segundo explica, “dende o pasado martes o concello de Trasmiras quedou sen facultativos que atendesen aos nosos pacientes. O médico titular leva varios meses de baixa e todo apunta a que non volverá a reincorporarse ao seu posto de traballo. A sanitaria que o substituíu enfermou da Covid – 19 e tivo que causar baixa necesariamente tamén, seguindo os protocolos do Sergas”.

“Inmediatamente -continúa o rexedor- nos puxemos en contacto coa Xerencia da Área para reclamarlle a inmediata cobertura da praza e evitar que os nosos pacientes se tiveran que desprazar até Sarreaus, co grave prexuízo para os veciños e veciñas do concello de Trasmiras. A propia Xerencia nos informou de que rexistraban un importante número de baixas entre os facultativos, por mor da Covid, circunstancia que nós entendemos pero que non evita que os nosos pacientes, moitos deles anciáns, se viran obrigados a desprazarse até o municipio veciño cando algúns non teñen capacidade ou medios para facelo”, xustifica Pazos Ojea.

O primeiro edil de Trasmiras explica tamén que “malia que nos pese, a médica substituta de Trasmiras si ten obriga de desprazarse a Sarreaus porque é persoal contratado do Sergas e débese ao que lle indique a Xerencia. Pola contra, a titular da praza en Sarreaus non ten obriga algunha de acudir ao consultorio de Trasmiras, por iso son os nosos pacientes os que se vén na necesidade de ir ata o centro de saúde do municipio veciño, aínda que a min, e a eles, lles resulte un evidente trastorno”, asegura Emilio José Pazos Ojea.

Así, o pasado venres, “decidimos rexistrar unha solicitude formal diante da Xerencia instándoa a que poña unha solución definitiva que evite casos coma o do pasado xoves, no que se desprazou o helicóptero do 112 e non había no municipio un médico dispoñible co grave risco que para a vida do paciente iso supuxo”, di Emilio Pazos.

O rexedor tamén asegurou que nas vindeiras datas solicitará unha reunión co xerente da Área Sanitaria para exporlle o problema e solicitarlle que “actúe con previsión e cubra de xeito definitivo a praza do médico titular de Trasmiras e evitar así que os pacientes do municipio queden sen asistencia médica varios días, como así ocorreu a pasada semana”.

O alcalde de Trasmiras úrxelle ao Sergas unha solución “definitiva” á praza do médico...