O PSDEG-PSOE DE TRASMIRAS CRITICA A “DESIDIA E DEIXADEZ” DO GRUPO DE GOBERNO DO PARTIDO POPULAR

O PSDEG-PSOE DE TRASMIRAS CRITICA A “DESIDIA E DEIXADEZ” DO GRUPO DE GOBERNO DO PARTIDO POPULAR
Non informou a veciñanza dos problemas coa auga na última semana

Nota de prensa literal

O PSdeG-PSOE de Trasmiras critica a “desidia”, o “abandono” e a “deixadez” do grupo de goberno do Partido Popular no municipio, encabezado polo alcalde Emilio José Pazos, que na última semana non foron quen de avisar a veciñanza por canles oficiais, dos problemas que se estaban a vivir en Trasmiras coa auga. Os socialistas explican que na última semana, a auga non era apta para o seu uso ou consumo, xa que saía cun color escuro e mesturada con terra, o que causou graves problemas á veciñanza, xa que non foron avisados da situación e atopáronse da noite para a mañá conque non podían empregar a auga da billa, situación que se prolongou o longo dunha semana e que provocou que tiveran que mercar auga embotellada para consumir, cociñar e asearse.

O grupo municipal socialista de Trasmiras recolleu na última semana, numerosas queixas de veciños e veciñas, que segundo afirman dende o PSdeG na vila, “non recibiron ningún tipo de información oficial do que estaba acontecendo”. Situación que provocou gran malestar entre a poboación tal e como apunta o voceiro socialista, Manuel Rodríguez Ayuso, quen subliña que “a labor do concello é a de informar aos veciños cando acontece algún problema no municipio, non evadirse e facer como que non pasa nada e que cada un se busque a vida”, o que tamén apunta que “os veciños están moi enfadados ante a desidia do alcalde e así no lo fixeron saber”.

Os problemas da auga prolongáronse o longo dos últimos 7 días e o grupo de goberno tan só se dirixiu a algúns veciños, facéndolles indicacións de que se acabara a auga. Para Rodríguez Ayuso está explicación “é irreal”, xa que tal e como afirma “Trasmiras conta con pozos a carón do río e cun depósito de auga que chega por caída dende Villar de Lebres a Trasmiras, polo que problemas de carencias de auga non son”, tamén afirma que “resulta pouco crible porque aínda non chegaron as persoas que acostuman a vir pasar as vacacións, que veñen en agosto e nesa época sería entendible que houbera algunha restrición de auga”.

Dende o PSdeG-PSOE de Trasmiras pídenlle o alcalde e o seu grupo de goberno “seriedade” e que “se algo acontece, se transmita por canles oficiais ou coa colocación dun bando informativo”. “A veciñanza non pode estar sen auga e sen que se lles informe de cales son os motivos polos que auga sae mesturada con terra”, apunta Manuel Rodríguez, que tamén lle pide o grupo de goberno que “se isto volve a suceder, se dea conta a veciñanza a través dun bando”.