Trasmiras recibe o compromiso de axuda da Deputación para a residencia de maiores

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Emiio Pazos Ojea (Alcalde do Concello de Trasmiras).
Trasmiras recibe o compromiso de axuda da Deputación para a residencia de maiores

Manuel Baltar garantiu ao rexedor deste municipio, Emilio Pazos, o apoio para unha infraestrutura vital para os veciños

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos, para abordar dúas infraestruturas vencelladas ao futuro dos servizos públicos deste municipio e que son vitais para os veciños. En concreto, o rexedor trasladou ao presidente da Deputación o proxecto da residencia de maiores e do novo cemiterio parroquial de Vilaseca. Ambas iniciativas, segundo garantiu Manuel Baltar, contarán co firme apoio do goberno provincial.

O presidente da Deputación de Ourense reafirmou o seu compromiso para a construción da residencia de maiores de Trasmiras. Un proxecto que se reactiva despois de que, por causas alleas ao Concello e á institución provincial, non puidese arrancar o ano pasado. Emilio Pazos destaca o apoio de Manuel Baltar nunha dotación clave: “Intentaremos cofinanciar o proxecto entre Xunta, Deputación e o Concello. Pretendemos sacar un concurso de proxecto, obra e servizo, cofinaciado evidentemente co iniciativa privada”.

Financiación do novo cemiterio parroquial de Vilaseca

O goberno provincial tamén cooperará no proxecto do novo cemiterio parroquial de Vilaseca. O rexedor de Trasmiras sinala que esta é unha actuación “urxentísima”, debido á particular situación do actual camposanto -non ten espazo para ampliarse debido a estar rodeado de rúas-: “Ante esta particularidade, optamos por mercar unha parcela e recalificala para o seu uso coma cemiterio. Agora, co plan parcial e informado, faremos o proxecto de execución cos informes oportunos”. Emilio Pazos avanza que o obxectivo do goberno municipal “é poñer en paralelo a tramitación administrativa e ir facendo o trámite da financiación para executar a obra en canto teñamos luz verde. Estaríamos falando do verán”.