Trasmiras e Sarreaus colaboran para mellorar a xestión do agro ourensán

200121_MR_Alcaldes_Trasmiras_Sarreaus
Trasmiras e Sarreaus colaboran para mellorar a xestión do agro ourensán

O encontro entre o conselleiro e os alcaldes dos municipios da Limia serviu para explicarlles a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agra

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse cos alcaldes de Trasmiras, Emilio José Pazos, e de Sarreaus, Gumersindo Lamas, para escoitar de primeira man as necesidades destes municipios da comarca ourensá da Limia, así como para informalos dos contidos da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. No encontro, no que tamén participou o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, falouse da mellora da xestión do agro mediante as reestruturacións parcelarias ou unhas infraestruturas rurais renovadas.

En concreto, abordouse a situación das parcelarias que afectan ás parroquias de Escornabois, Chamusiños e Trasmiras ou a mellora de camiños rurais. Ao abeiro do Plan marco, a Consellería do Medio Rural investiu no concello de Sarreaus case 39.000 euros para arranxar os seus camiños municipais entre os anos 2018 e 2019, mentres Trasmiras recibiu máis de 36.000 euros.

Na xuntanza entre a Consellería e os rexedores ourensáns tamén se avaliou o tratamento dos xurros, no contexto da futura lei que regulará esta cuestión e na que está a traballar a Xunta.