Trasmiras ten que pagar 38.227 € que non sabía que debía, segundo denuncia o BNG

concello de trasmiras
Trasmiras ten que pagar 38.227 € que non sabía que debía, segundo denuncia o BNG
"Eu non contaba con tanto, pero apareceron "Contestou o alcalde no pleno

No pleno ordinario deste xoves, queremos informar ás veciñas e veciños dun asunto moi importante.

Un dos puntos a tratar era un levantamento de reparo de intervención e recoñecemento extraxudicial de crédito. Isto significa que apareceron unha serie de facturas rexistradas no ano 2022, pero que corresponden presuntamente a servizos e subministracións feitas en anos anteriores, ascendendo o importe total das facturas presentadas a 38.227,44€.

E sabedes cal é a xustificación do noso rexedor? Como a anterior secretaria se xubilou, e para que a nova partira de cero, decidiuse revisar que estivera todo en orde e resulta que apareceron todas estas débedas. A resposta ante tan abraiante descuberta foi: "Eu non contaba con tanto, pero apareceron"; "A culpa é dalgunha empresa que non as presenta en tempo".

Como as cousas non se fixeron ben no seu momento dado que non se contemplou ese gasto por non ter asignación orzamentaria , nin tampouco tramitarse ó seu debido expediente de intervención, agora debeulle parecer un bo momento ao rexedor para metelas.

Cando lle pedimos explicacións por algunhas delas de contía máis elevada, o representante do Concello contestou dicindo: "Eu podo falar ata onde podo falar". Lóxico! Como explicarnos semellante incompetencia e inutilidade?

Eses 38.227,44€ agora vánselle pagar a esas empresas, pero eses pagos afectarán o remanente de tesourería do concello, os nosos aforros. Moito se nos leva dito que ese mesmo remanente que agora se vai mermar non se podía tocar para facer inversións e obras, pero si para pagar "misteriosas" facturas de anos atrás, por non facer as cousas ben feitas no seu momento.

Que sorpresa, e máis cando nos levan anos vendendo a idílica imaxe de que o concello de Trasmiras estaba "saneado" e de que non se debía nada a ninguén.