Trasmiras terá un observatorio de aves

Alcalde de Trasmiras e Conselleira de Medio Ambiente
Trasmiras terá un observatorio de aves

Ángeles Vázquez salienta que con este tipo de iniciativas se aposta por un turismo de natureza e sostible

A Xunta traslada o seu apoio e colaboración ao Concello de Trasmiras para instalar un observatorio de aves no Castelo, na zona da Limia Alta.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Emilio Pazos, mantiveron unha reunión na que o rexedor trasladou que esta iniciativa municipal responde a un dobre obxectivo: poñer en valor os espazos naturais, e os elementos que o integran, de zonas de gran valor; ao tempo que se impulsan actividades que dinamicen e ofrezan riqueza aos concellos rurais.

Vázquez Mejuto trasladoulle ao alcalde a necesidade de contar co proxecto definitivo para que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural o analice e poida iniciar a tramitación do mecanismo de colaboración que se considere máis axeitado para facer realidade esta iniciativa nas inmediacións do lugar do Alto do Castelo, desde onde se visualizan as máis de 1.000 hectáreas da Zona de especial protección de aves (ZEPA) da Limia.

Asemade, analizaron a importancia de impulsar iniciativas desta natureza para aproveitar o turismo de natureza e en espazos libres, que cada vez teñen unha maior demanda. Ambos coincidiron en que a recuperación e potenciación desta contorna, tamén como lugar de observación, é un valor máis para atraer visitantes a Trasmiras.

Nese sentido, a conselleira felicitou ao alcalde por fixar unha planificación de actuacións para impulsar esta zona do concello, que se completará no futuro coa creación de áreas de lecer e recreo, así como a determinación oficial de itinerarios dentro deste ámbito.