domingo. 29.01.2023

Trasmiras xa ten os terreos para unha residencia de maiores

O rexedor, Emilio José Pazos, mantivo unha xuntanza co representantes veciñais para informalos do proxecto da nova instalación e de como será financiada a súa construción.

REUNIÓN ALCALDE
REUNIÓN ALCALDE

O Concello de Trasmiras concorrerá ás subvencións estipuladas no Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais, con cargo a fondos europeos, froito dun acordo marco entre o Consorcio Galego de Benestar e a FEGAMP [Federación Galega de Municipios e Provincias]. O Concello de Trasmiras optará a 1,2 millóns de euros para o financiamento da construción da futura residencia de maiores.

O acordo marco é público desde o pasado e o prazo para presentar a documentación remata o 30 de abril, mais o Concello de Trasmiras está en disposición de presentar durante a semana próxima os documentos exixidos. “Temos o anteproxecto; temos a cesión efectiva dos terreos, que foi o que máis tempo levou; temos o informe de viabilidade urbanística despois de ter aprobado o Plan Xeral; e temos a memoria e o informe de viabilidade económica”, di o alcalde, Emilio José Pazos Ojea.

Trasmiras podería ser o primeiro concello en acceder ao concurso grazas a que o goberno local leva traballando durante todo este mandato na construción da residencia. Primeiro, coa elaboración do Plan Xeral de Urbanismo -que leva xa en vigor dous anos-, despois para conseguir a cesión dos terreos, que pertencen á comunidade de montes. Logo da resolución do Xurado de Montes de setembro e de que se resolvesen as alegacións presentadas, o pasado 17 de febreiro o Concello de Trasmiras e os comuneiros levantaron acta notarial da cesión.

O alcalde avanzou tamén que a idea do goberno local é que a residencia teña 55 prazas e sexa dunha soa planta. E mostrou a súa disposición a iniciar o expediente de adxudicación do proxecto, a obra e a xestión do complexo en canto, a partir de maio, se coñeza a parte que achegará a subvención do Consorcio. “Aspiramos a conseguir eses 1,2 millóns, pero poden non alcanzar e por iso estamos traballando noutras fontes de financiamento, ademais do que achegue a adxudicataria”.