A Xunta destina máis de 19.000 euros á mellora da Biblioteca Municipal de Vilar de Barrio

A Xunta destina máis de 19.000 euros á mellora da Biblioteca Municipal de Vilar de Barrio
Vilar de Barrio mellorará a súa biblioteca municipal a través dunha liña de axudas da Xunta a prol da mellora das instalacións e locais destinados a realizar actividades culturais

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde, Manuel Conde, visitou a pasada semana as instalacións da Biblioteca Municipal de Vilar de Barrio.

O obxectivo desta visita foi a concesión de 19.301,43 euros por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para a mellora do seu equipamento.

Esta acción encóntrase dentro da liña de axudas de preto de 500.000 euros convocada pola Xunta para equipar e mellorar as instalacións e locais destinados a realizar actividades culturais de 47 concellos de Galicia.

Mellora da accesibilidade e medidas contra lumes

As obras da biblioteca municipal de Vilar de Barrio consisten na reforma e modernización para contribuír á mellora dun inmoble municipal, de carácter cultural, tanto na súa nova distribución, como en accesibilidade e en medidas contra lumes. Deste xeito, remodelarase o acceso de entrada, instalaranse novos pavimentos e revestimentos e repararase o falso teito.

Así, indícan que se procederá ao cambio da carpintería exterior, interior e a súa vidrería, así como se instalarán novas redes de electricidade, iluminación, fontanería e calefacción. Tamén se levará a cabo o establecemento de pantallas LED e nova sinalización e protección contra incendios.

Estas axudas alíñanse cos obxectivos doutras seis convocatorias xestionadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para contribuír á modernización e xestión sustentable dos espazos e as empresas culturais de Galicia e para facilitar o acceso á cultura nos ámbitos rurais cun investimento conxunto de 4,6 millóns de euros.