Toda a “Limia institucional” deuse cita en Vilar de Barrio

Inauguración oficial
Toda a “Limia institucional” deuse cita en Vilar de Barrio

Na inauguración da 34 edición da Festa da Pataca

O alcalde de Vilar de Barrio reuniu na inauguración oficial da festa da Pataca, esta mañá, ademais do xefe territorial da consellería de Medio Rural e ao vicepresidente da Deputación e presidente do Inorde, presente tamén con un stand na feira, a maioría de alcaldes e alcaldesas da Limia.

A representación máis numerosa foi a do concello de Xinzo que contou coa presenza da alcaldesa Elvira Lama, do tenente alcalde Amador Díaz e do concelleiro de comercio Manuel Pérez.

BENVIDA CON MÚSICA CABALOS E CARROS

O alcalde anfitrión Manuel Conde xunto coas autoridades foi ao encontro dos gaiteiros que abrían o desfile composto por media ducia longa de cabaleiros e amazonas, así como 3 xugadas de vacas e bois que fixeron a súa entrada no recinto feiral acompañados dos aplausos dos asistentes.

Despois de percorrer algúns dos stands e a exposición de patacas e cestas chegou o momento dos discurso, no que o alcalde agradeceu a presenza das autoridades invitadas e dos seus compañeiros de outras corporacións da Limia.

Como colofón, os invitados e os presentes pasaron a degustar empanada de patacas, que como dixo Manuel, non foi invento dos de Vilar de Barrio, se non dos de Coristanco, que tamén tiña representación institucional na comitiva.