Vilar de Barrio mellorará o abastecemento coa axuda da Xunta

Casa do Concello de Vilar de Barrio. | FOTO: Arquivo.
Vilar de Barrio mellorará o abastecemento coa axuda da Xunta

O contrato, cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, dispón dun prazo de execución de 3 meses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a execución das obras de mellora de abastecemento de auga no concello ourensán de Vilar de Barrio.

Este contrato, cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, foi adxudicado á empresa Construcciones y Almacenes Manuel Viso e Hijos, S.L. O prazo de execución estimado desta actuación é de 3 meses.

A intervención responde á solicitude de colaboración do Concello e recolle as actuacións do proxecto redactado por Augas de Galicia para acometer as obras previstas de mellora do abastecemento entre os núcleo de Barrán, Vilar de Barrio e Bóveda, dentro do termo municipal do municipio ourensán.

Descrición das obras

Con esta actuación preténdese emendar a escaseza de auga potable en época estival nos citados núcleos de Vilar de Barrio, Bóveda e arredores, co obxectivo de garantir a dispoñibilidade deste recurso nos momentos de maior consumo.

Para este fin, a nova rede conectará os depósitos reguladores existentes nas proximidades de Barrán, Vilar de Barrio e Bóveda, para facilitar o aproveitamento dos sobrantes do primeiro deles, situado a maior cota, e reforzar os outros dous, sobre todo en época estival.

Actualmente, os depósitos de Barrán e Vilar de Barrio abastecen de auga potable a ambos os dous núcleos, mentres que o de Bóveda abastece ao propio núcleo e ao de Vilar de Gomareite, funcionando os tres depósitos de maneira independente entre si.

As obras contratadas por Augas de Galicia consisten, dunha banda, na interconexión dos depósitos de Barrán e de Vilar de Barrio. Neste tramo contémplase a instalación dunha nova condución de abastecemento de algo máis de 1,2 quilómetros de lonxitude, que partirá da súa conexión coa rede de distribución existente en Barrán ata desembocar no depósito regulador de Vilar de Barrio.

Doutra banda, o proxecto prevé a interconexión dos depósitos de Vilar de Barrio e Bóveda. Neste tramo instalarase unha nova condución de abastecemento de 588 metros de lonxitude, que partirá da súa conexión coa rede de distribución existente en Vilar de Barrio ata entroncar coa rede de distribución de Bóveda.

Estas actuacións enmárcanse na liña de colaboración que vén prestando o Goberno galego aos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais de abastecemento e depuración