A Arca da Noe inicia a súa programación de novembro

Instante dun concerto do grupo Brincadelia Troupe
A Arca da Noe inicia a súa programación de novembro

Cursos de pandeireta e baile tradicional e até tres concertos completan a oferta desta primeira fin de semana no local de Vilar de Santos.

A Arca da Noe, local cultural por excelencia do concello antelán de Vilar de Santos, inicia o mes de novembro cunha axenda che de cursos de formación musical e boa música. Este venres, día 4, Gabi Reboredo iniciará un curso de baile tradicional para todas as idades. Impartirase entre as 19:30 e as 21:30 horas e continuará cunha segunda sesión o vindeiro día 10, á mesma hora. O mesmo día, xa pola noite, os músicos Sergio Ariel e Amor Herrera –integrantes do grupo Pequeña Gran Compañía– deleitarán a todos aqueles que se queiran achegar coa súa música en concerto.

Ao día seguinte, sábado día 5, os máis pequenos darán os primeiros toques á pandeireta da man de Lucía Nóvoa –veciña da aldea de Laroá (Xinzo)–, quen continuará co seu curso os días 19 de novembro e 3 e 17 de decembro. Todas as xornadas serán entre as 16 e as 17:30 horas. Tamén este sábado haberá máis música cos rapaces como protagonistas co concerto infantil do guitarrista e cantante compostelán Héctor Lorenzo, que comezará ás 18 horas. Baixo o nome de "Cousas de papá", nenos e maiores poderán desfrutar deste espectáculo musical. Pola noite, a partir das 22 horas, o conxunto Brincadelia Troupe encherá a Arca cos exóticos ritmos do ska, o reggea, a samba ou a cumbia.