O Concello de Vilar de Santos pasa "o cepillo"

Casa do concello Vilar de Santos
O Concello de Vilar de Santos pasa "o cepillo"

Realizou un plan de inspección tributaria a grandes empresas

O Concello de Vilar de Santos puxo en marcha un Plan de Inspección Tributaria da Taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial constituído no solo, subsolo ou voo das súas vías públicas municipais a favor de empresas explotadoras de servizos de subministros que afecta fundamentalmente ás grandes empresas eléctricas, de subministración de gas ou telefonía.

O Plan de Inspección é un instrumento de planificación e control tributario a través de medidas que comproben o adecuado cumprimento das obrigas para coa Facenda municipal. Contemplou a revisión das declaracións presentadas polas empresas pola Taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial constituído no solo, subsolo ou voo das súas vías públicas municipais a favor de empresas explotadoras de servizos de subministros en relación aos exercicios 2011 a 2014.

Cada ano o Concello recibe un ingreso vía recadación correspondente ao 1,5% da facturación das empresas que utilizan a vía pública para o desenvolvemento do seu negocio no municipio regulado na taxa descrita. O procedemento fai que ata agora, estas empresas remitían a súa facturación no municipio, e o concello procedía a facer a liquidación correspondente da taxa acorde co 1,5%. Esta liquidación permanecía baixa e parecíanos non axustada á realidade actual e ao volume de negocio, polo que se procedeu a facer este Plan de Inspección Tributaria dos exercicios 2011-2014 para o que o Concello contou cunha empresa especializada e no que se requeriu oficialmente a todas estas empresas que operan no municipio para comprobar a veracidade e exactitude das declaracións presentadas e á comprobación dos valores.

Este labor de control e inspección permitiu a recuperación e devolución de 6.255 ,36 euros para as arcas públicas municipais pola mala liquidación da taxa practicada dun total de 8 grandes empresas inspeccionadas.

Este plan de inspección serviu para aumentar os ingresos da recadación desta Taxa, cun incremento anual do 15% e súmase a outras iniciativas de inspección e control postas en marcha polo Concello. A máis importante: Vilar de Santos foi o primeiro concello que fixo público, reclamou e logrou xa no 2015 a devolución de 45.949,62 euros da facturación indebida de Fenosa, aos que se lle sumaron 5.758.37 euros dos intereses legais.

ALCALDE VILAR DE SANTOS\“A importancia destas medidas queda corroborada polos feitos. Implican un esforzo de xestión e control, sen reducir a eficiencia e calidade dos servizos municipais e das nosas prioridades. Os ingresos municipais, en definitiva o noso financiamento ten que recaer tamén nas grandes empresas, non só nos veciños e pequenas empresas do municipio. Nós, desde o grupo de goberno do concello imos seguir dando pasos que demostran o noso compromiso coa información pública e un programa de traballo e control continuo ao servizo e na defensa do ben común e do interese xeral de todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos, e que reflicten o noso compromiso cunha xestión pública transparente, eficiente e solvente co diñeiro público\”, di o alcalde, Xan Jardón.