O Museo da Limia acolle o lanzamento da revisa Elipse e a obra de teatro "No Meio do Oriente"

museo
O Museo da Limia acolle o lanzamento da revisa Elipse e a obra de teatro "No Meio do Oriente"

A cita cultural é o sábado ás 19.30h en Vilar de Santos

O Museo da Limia é o lugar escollido para o lanzamento da revista Elipse, unha publicación que busca ser unha ponte literaria entre o imaxinario e o colectivo cultural galego e lusófono.

Elipse inclúe poesía, relato curto, ensaio e traducións. A maiores contén dúas seccións fixas, unha dedicada a un autor ou autora e outra a un clásico da literatura galego-portuguesa como homenaxe.

A súa tirada vai polo número 8 e segundo os seus creadores "é unha confirmación, non só das posibilidades de abrir portas para os soños, senón tamén da capacidade do ser humano en superar barreiras impostas, até por aqueles que poderiamos considerar máis fortes".

A xornada cultural no museo complétase coa presentación da obra teatral " "No Meio do Oriente", do autor Artur Alonso que naceu en México e reside en Ourense. Este traballo xira en torno a uns personaxes complexos que están continuamente loitando co existencialismo puro como a soidade, a morte ou o esquecemento.

A cita será este sábado a partir das 19.30h no Museo da Limia de Vilar de Santos. O acto contará coa presenza de Cruz Martínez, do Círculo de Edições, e do autor da peza teatral, Artur Alonso Novelhe.